IGAPE APROBA AS BASES REGULADORAS DO MARCO DE APOIO DE ACCESO AO CRÉDITO DAS PEQUENAS E MEDIANAS EMPRESAS, INSTRUMENTADAS MEDIANTE CONVENIO COAS SOCIEDADES DE GARANTÍA RECÍPROCA E AS ENTIDADES DE CRÉDITO ADHERIDAS

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2022 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio coas sociedades de garantía recíproca e as entidades de crédito adheridas (financiamento Igape-pemes), e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG535A).

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

As axudas recollidas no anexo I tratan de dar resposta ás necesidades de financiamento detectadas nas pemes galegas, facilitando:

a) Préstamos avalados para o crecemento das pemes, co obxecto de favorecer, mediante reavais, o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas, e dar a posibilidade de aplicar os fondos, total ou parcialmente, ao pagamento e/ou reestruturación de débedas con entidades financeiras.

b) Operacións avaladas para o financiamento de tráfico comercial, co obxecto de favorecer o acceso a novo financiamento operativo, para o tráfico comercial das pemes galegas mediante liñas de crédito específicas para adianto de efectos comerciais e facturas, pólizas de pagamentos a provedores e pólizas de comercio exterior.

c) Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos, co obxecto de favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, para garantir o cumprimento de contratos, tráfico comercial ou avais técnicos.

d) Préstamos avalados para financiar a operativa das pemes galegas afectadas polos incrementos dos prezos de materias primas e subministracións como consecuencia da invasión de Ucraína por Rusia, co obxecto de que poidan dispoñer de liquidez para afrontar o incremento dos prezos e realizar investimentos que lles axuden a paliar os efectos económicos do conflito bélico. En todas estas modalidades, o apoio do Igape consiste nun reaval de, como máximo, o 25 % do risco asumido polas SGR, que facilite o acceso ao crédito e, no caso da liña reflectida na letra d) anterior, cunha bonificación no tipo de xuro de ata 1,5 puntos porcentuais.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nestas bases as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño), da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado UE, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan o seu domicilio fiscal e desenvolvan a súa actividade económica en Galicia.

b) Cumpran os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I.

Tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Neste caso deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da axuda que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiario lle correspondan á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición de catro anos previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007. A operación financeira deberá estar formalizada a nome da entidade, e deberá ser asinada por cada un dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá estar asinado por un representante da entidade, logo de autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220421/AnuncioO92-130422-0001_gl.pdf

https://www.igape.gal/es/