imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA O APOIO Á CONSOLIDACIÓN DAS ENTIDADES DE ECONOMÍA SOCIAL DE GALICIA, BONO CONSOLIDA ECONOMÍA SOCIAL

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 13 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para o apoio á consolidación das entidades da economía social de Galicia Bono consolida economía social, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2022 (código de procedemento TR802L).

Este programa ten como finalidade apoiar a consolidación das entidades da economía social, así como reforzar a súa presenza no tecido económico de Galicia, con especial incidencia na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética, contribuíndo ao impulso da súa actividade económica, incrementando a súa competitividade e, en definitiva, mantendo empregos de calidade.

Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde as seguintes entidades, de entre as previstas no artigo 6 Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia: sociedades cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción e centros especiais de emprego.

Estas entidades deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Figurar inscritas como tales nos correspondentes rexistros administrativos da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter presentado as contas anuais do último ano no Rexistro Mercantil, no Rexistro de Cooperativas ou no Rexistro de Fundacións, segundo corresponda á súa forma xurídica. No caso de centros especiais de emprego que teñan forma xurídica de asociación, deberán ter aprobado o balance e a conta de resultados pola súa asemblea xeral.

c) Acreditar unha antigüidade de 42 meses na data de solicitude.

d) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

e) Estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e da Seguridade Social para obter subvencións.

f) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

Conceptos subvencionables

1. Equipamento informático.

2. Adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

3. Márketing, comunicación ou relanzamento comercial.

4. Mellora na eficiencia enerxética.

5. Adquisición de equipamento.

6. Reforma do local de negocio.

7. Mobiliario.

8. Obtención de certificacións de calidade.

9. Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

10. Plan de protección de datos

A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables, cos límites seguintes: 3.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 3, 8, 9 e 10 do artigo 6. O límite máximo das axudas establécese en 20.000 € por cada entidade solicitante.

No caso de que se solicite unha contía superior, concederase de acordo coa orde de prelación establecida no artigo 6 desta orde.

O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2022, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220629/AnuncioG0656-150622-0003_gl.pdf