imprimir

AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN EQUIPAMENTOS POSCOVID DOS ESTABLECEMENTOS HOSTALEIROS FINANCIADOS AO 100% CON FONDOS EUROPEOS

AXENCIA TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para investimentos en equipamentos poscovid dos establecementos hostaleiros financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TU503E).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á modernización e á mellora da competitividade dos establecementos hostaleiros inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT) mediante a realización de investimentos en equipamentos poscovid.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 31 de outubro de 2022. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores ao 1 de xaneiro de 2022.

Considéranse gastos subvencionables aqueles nos que incorrese a entidade solicitante ata o 31 de outubro de 2022 con respecto aos conceptos seguintes:

• Sistemas domóticos, control de distancias, optimización de procesos, portas e consignas automáticas, controis de acceso, renovación de aire, sistemas de climatización e softwares de control asociados.

• Sistemas de check-in automáticos.

• Carteleira, rotulación, sinalización e actuacións vinculadas con ela.

• Equipamento, directo ou indirecto, que poida servir de apoio ou difusión no control da pandemia (medidores de CO2 , ionizadores, dispensadores, etc.).

• Reformas orientadas á creación de espazos que suxiran maior amplitude (cores claras, incorporación de espellos, etc.).

• Envoltorios e material dun só uso.

O total de gastos destinados a este concepto non poderá superar o 10 % dos gastos totais subvencionables.

• Procesos de desinfección e desinfección recorrente realizados por empresas externas con motivo da COVID, que non teñan a consideración de gastos de limpeza ordinaria.

• Novo equipamento de hixienizado e lavado.

• Novo equipamento para novos produtos, presentacións ou métodos de conservación.

• Equipamento multiservizo.

O importe máximo de subvención será do 90 % do investimento, cun máximo de 50.000 euros por beneficiario.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220701/AnuncioG0256-270622-0001_gl.pdf