XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS DO EMEGA PARA O FOMENTO DO EMPRENDEMENTO FEMININO (FONDOS REACT- EU)

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 30 de xuño de 2022, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, financiadas con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento SI429A)

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Con esta finalidade, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:

a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación, a consolidación de empresas constituídas por mulleres, ou a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio empresarial e asegurar a súa pervivencia, consolidación e mellora, no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia da COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

c) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

d) Liña Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Conciliapromotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen o seu plan Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2021 e a data da fin do prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma. Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, e non serán válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

En todo caso, unha mesma persoa non pode solicitar a axuda como empresaria individual e ao mesmo tempo formar parte dunha empresa de tipo societario que tamén solicita a axuda.

Requisitos comúns a todas as liñas de axuda:

a) Tratarse dunha empresa privada coa categoría de microempresa ou pequena empresa validamente constituída baixo calquera forma xurídica segundo o sinalado no punto 2.b) deste artigo. Para estes efectos, teñen a categoría de microempresas as unidades económicas que ocupan menos de dez persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dous millóns de euros, e de pequena empresa, as unidades económicas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocio anual ou balance xeral anual non supere os dez millóns de euros. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades sen ánimo de lucro nin as empresas públicas ou participadas, agás que se trate de participacións minoritarias de carácter temporal ou préstamos participativos a través dalgún instrumento de apoio financeiro á iniciativa emprendedora, acordes coa previsión contida no capítulo IV do título II da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

b) A actividade mercantil pode ser realizada por empresarias individuais, sociedades civís, comunidades de bens ou sociedades mercantís, incluídas as sociedades laborais e as cooperativas de traballo asociado. Nas empresas de tipo societario, a administración da empresa teñen que exercela mulleres e o capital social estar maioritariamente subscrito por mulleres, no caso de pequenas empresas, e integramente subscrito por elas cando se trate de microempresas, agás que a participación proveña de instrumentos de apoio financeiro á actividade emprendedora consonte o sinalado no último parágrafo do punto anterior. Polo tanto, a participación destes instrumentos de apoio financeiro terase en conta, xunto coas achegas delas, para os efectos de verificar o cumprimento do requisito exixido neste artigo relativo á titularidade maioritaria ou, se é o caso, íntegra do capital social. Excepcionalmente, no caso da liña ITEF, calquera que sexa o tamaño da empresa, admitirase a participación de persoas que colaboraron no desenvolvemento do proxecto de investigación base da iniciativa empresarial, sempre que a maioría do capital social sexa titularidade das mulleres emprendedoras e a administración da empresa a exerzan mulleres.

c) Ter domicilio social e fiscal, así como establecemento de produción ou comercial en Galicia. d) Todas as promotoras das empresas beneficiarias das axudas, con independencia do seu grao de participación no capital social da empresa, deben estar de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional e estar vinculadas laboralmente á empresa, desenvolvendo de forma habitual a súa actividade profesional nela. Para os efectos deste programa, non se terán en conta as autónomas colaboradoras.

e) Para os efectos deste programa, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido a tempo parcial só se terán en conta cando a xornada de traballo non sexa inferior ao 50 % da xornada ordinaria de traballo establecida legalmente ou no convenio colectivo que lle sexa de aplicación. Así mesmo, os postos de traballo por conta allea con contrato indefinido para a realización de traballos de carácter fixo descontinuo só se terán en conta cando a duración da actividade da traballadora non sexa inferior a dez meses nun período de doce meses.

f) Ter iniciado a actividade económica e a actividade laboral nos termos exixidos para cada tipo de axuda nesta resolución.

Para os ditos efectos, o inicio do exercicio efectivo da actividade económica acreditarase mediante a xustificación da alta no imposto de actividades económicas (IAE) ou no censo de obrigados tributarios da Axencia Estatal de Administración Tributaria, e o inicio da actividade laboral mediante a acreditación da alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, na mutualidade de colexio profesional.

g) A iniciativa ou proxecto empresarial debe ter viabilidade técnica, económica e financeira, o que deberá quedar reflectido no Plan de negocio empresarial.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da interesada.

i) Non ter percibido axudas do programa Emega ao abeiro das convocatorias dos anos 2019, 2020 e 2021.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220712/AnuncioG0656-010722-0001_gl.pdf

Enlace aos anexos da secretaria de igualdade: http://igualdade.xunta.gal/gl/axudas/subvencions-para-o-apoio-ao-emprendemento-feminino-programa-emega-ano-2022