imprimir

AEXENCIA GALEGA DA INDUSTRIAL FORESTAL CONVOCA AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS E OBRAS QUE EMPREGUEN PRODUTOS DE MADEIRA COMO ELEMENTOS ESTRUCTURAIS (FONDOS REACT- EU)

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 29 de setembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para a realización de proxectos e obras que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014- 2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento MR502B, MR502D, MR502F e MR502G).

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

Para as liñas 1.1 (código de procedemento MR502B) e 2.1 (código de procedemento MR502F): as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia e as asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Para os efectos das axudas de minimis conforme a normativa aplicable, enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

En todo caso, a persoa solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior. Tomarase a definición de peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014, do 17 de xuño de 2014 (inclúe persoas autónomas que cumpran a condición de empresa). A Axencia Galega da Industria Forestal fará as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme.

– Para as liñas 1.2 (código de procedemento MR502D) e 2.2 (código de procedemento MR502G): as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia. No caso de solicitudes presentadas por unha agrupación de persoas físicas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento das obrigas que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Ademais, no caso de agrupacións de persoas físicas, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, que determinarán proporcionalmente o importe da subvención que se aplicará a cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias.

En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante da agrupación, con poder suficiente para cumprir as obrigas que como beneficiaria corresponden á agrupación, e coa cal a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar o uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:

– Liña 1.1 (código de procedemento MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 1.2 (código de procedemento MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Liña 2.1 (código de procedemento MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

– Liña 2.2 (código de procedemento MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.

Importe das axudas

1. As axudas que se outorguen ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do custo subvencionable, dentro dos límites de intensidade previstos para cada liña que se indican a seguir:

a) Liñas 1.1 e 1.2. O importe máximo da subvención será do 70 % do gasto subvencionable; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada: • Nun 10 %, se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización dalgún produto de madeira ou derivado da madeira procedente de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC) e de que, igualmente, na execución da obra se empregarán materiais que reúnan estas características. Para demostrar a dita orixe e calidade deberá aplicar a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia (denominada FORTRA). • Nun 10 %, se o solicitante asume o compromiso de que o proxecto inclúa a utilización dalgún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia e de que, igualmente, na execución da obra se empregarán materiais que reúnan estas características. Estas porcentaxes poderán ser acumulativas até un 90 % do gasto subvencionable.

O importe máximo da subvención non superará en ningún caso os 35.000,00 euros para a liña 1.1 e os 20.000,00 euros para a liña 1.2.

b) Liñas 2.1 e 2.2. O importe máximo da subvención será do 70 %; porén, esta porcentaxe poderá verse incrementada: • Nun 10 %, se se emprega algún produto de madeira ou derivado da madeira que proceda de montes galegos xestionados de forma sustentable (PEFC ou FSC). Para demostrar dita orixe e calidade deberá verificar a súa rastrexabilidade mediante o uso da plataforma pública e gratuíta da Xunta de Galicia (denominada FORTRA). • Nun 10 %, se se emprega algún produto de madeira ou derivado da madeira que dispoña da marca de garantía Pino de Galicia. Estas porcentaxes poderán ser acumulativas até un 90 % do gasto subvencionable. O importe máximo da subvención non superará en ningún caso as seguintes contías: • 20.000,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 20 % do orzamento de execución material da edificación. • 30.000,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 30 % do orzamento de execución material da edificación. • 40.00,00 euros cando os custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira con finalidade estrutural e a súa colocación previstos no proxecto supoñan, cando menos, o 40 % do orzamento de execución material da edificación.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución ata o 15 de novembro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados, no caso de que se produza con anterioridade a esa data.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221013/AnuncioG0520-290922-0002_gl.pdf