imprimir

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS CONVOCA AXUDAS PARA AMPLIAR E DIVERSIFICAR A OFERTA CULTURAL EN ÁREAS NON URBANAS (FONDOS NEXTGENERATION)

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 3 de novembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, para a concesión de subvencións para ampliar e diversificar a oferta cultural en áreas non urbanas Territorio Cultura, ao abeiro dos fondos NextGenerationEU e do Mecanismo de recuperación e resiliencia do Regulamento (UE) 2021/241, e se convocan para o ano 2023 (código de procedemento CT404F).

A finalidade destas axudas é reforzar e desenvolver as capacidades do sector cultural para acadar un tecido sólido máis aló dos grandes núcleos urbanos e contribuír, deste modo, a incrementar a actividade cultural no territorio, entendida como un motor de cambio, dinamización e transformación social.

As accións elixibles que se financiarán a través deste liña de axudas, deben responder a un ou varios dos obxectivos seguintes:

a) Impulsar a actividade, a creación, as prácticas e os procesos culturais contemporáneos en estreita vinculación coas comunidades e os seus contextos sociais, territoriais e culturais específicos, contribuíndo á construción de novos relatos, imaxinarios, representacións estéticas, valores e actitudes para o medio rural no contexto dos retos que suxire o mundo contemporáneo, así como pór en valor, en diálogo co presente, o patrimonio, o coñecemento e os saberes tradicionais.

b) Promover a dinamización, modernización e innovación dos sectores e axentes culturais e creativos que operan no medio rural, favorecendo a xeración de emprego, a profesionalización e a creación de redes profesionais locais, rexionais e nacionais, así como axudar á consecución da igualdade de xénero nestes sectores.

c) Promover a inclusión e estimulación da participación cidadá activa na actividade cultural como instrumento de participación democrática, benestar, saúde e cohesión social e territorial, con especial atención á incorporación de estratexias de igualdade de xénero e a participación xuvenil e á colaboración cos centros educativos.

d) Favorecer a diversidade cultural, así como o diálogo e o intercambio rural-urbano.

e) Impulsar a contribución da cultura aos obxectivos de desenvolvemento sustentable, en particular aqueles vinculados coa sustentabilidade ambiental.

Establécense dúas categorías de posibles entidades beneficiarias desta convocatoria:

Categoría 1. As persoas físicas (autónomas) e persoas xurídicas privadas, legalmente constituídas.

• Ter social ou estatutariamente como obxecto social a creación, organización, xestión, distribución de espectáculos en calquera das disciplinas de ámbito cultural, a investigación cultural, a consultoría cultural ou calquera ámbito relacionado co ecosistema cultural, no suposto de persoas xurídicas.

• Para o caso das persoas físicas (autónomas), estar de alta no réxime especial de traballadores autónomos en calquera das epígrafes relacionadas co ámbito cultural.

A contía máxima da axuda será do 80 % do proxecto cun límite máximo, en todo caso, por persoa ou entidade beneficiaria de 50.000,00 euros.

Categoría 2. Concellos e o sector público institucional deles dependente, segundo o artigo 82.2 da Lei 7/1985, de calquera Administración (organismos públicos, entidades de dereito público ou privado)

Proxectos subvencionables

1. Os proxectos e actividades culturais que pretendan ser subvencionados ao abeiro desta convocatoria deberán realizarse ou desenvolverse no medio rural. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por medio rural os concellos de menos de 30.000 habitantes e cunha densidade igual ou menor a 100 habitantes/km2 . Se o proxecto ten carácter supramunicipal, todos os concellos en que se desenvolve o proxecto deberán cumprir este requisito.

2. Os proxectos e actividades culturais que presenten as persoas solicitantes deberán ter un orzamento total, igual ou superior a 50.000,00 euros (incluído o IVE).

3. Para os efectos destas bases, descríbense a seguir as accións elixibles:

a) Eventos ou espectáculos artísticos ou culturais, festivais, exposicións e outras actividades culturais similares dentro dos seguintes ámbitos: artes visuais, cinema e artes audiovisuais, teatro, danza, circo, musica, literatura e palabra, arquitectura, deseño e artesanía, incluíndo as actividades artísticas multidisciplinares e aquelas que relacionan a cultura e as artes coa ciencia e/ou os saberes tradicionais.

b) Proxectos que mediante a participación multiaxente –laboratorios de ideas, prototipados de proxectos, iniciativas transdisciplinares ou alianzas transectoriais–, favorezan a experimentación, a investigación e a innovación cultural e teñan unha concreción práctica no territorio.

c) Patrimonio inmaterial, en conexión coa cultura e as prácticas contemporáneas. d) Actividades de educación, transferencia e mediación artística e cultural, incluíndo o uso das novas tecnoloxías.

Considéranse gastos subvencionables:

2.1. Proxecto técnico. Enténdese por gastos de proxecto técnico os relativos aos honorarios dos profesionais encargados da redacción do proxecto que se presenta á subvención, como consultoría especializada na xestión cultural.

2.2. Gastos de remuneracións dos espectáculos artísticos ou culturais que formen parte do proxecto. Estes gastos refírense aos cachés dos artistas, compañías, comisariados ou calquera outro profesional do ámbito dos proxectos enmarcados no establecido no artigo 5.3.a)

2.3. Os custos de deseño, creación, produción, montaxe/desmontaxe e instalación das escenografías dos espectáculos que forman o proxecto. Trátase de gastos relacionados coa creación das escenografías, desde a súa concepción ata a súa exhibición.

2.4. Os gastos por servizos asociados á programación, tales como servizos técnicos e auxiliares e outros de carácter profesional necesarios para levar a cabo o obxecto da subvención.

2.5. Gastos en dereitos de autor.

2.6. Gastos en investigación e innovación, formación, mediación e consultoría.

2.7. Gastos de alugamento de espazos para a exhibición dos espectáculos e actividades que forman parte do proxecto.

2.8. Gastos de difusión en plataformas en liña ou streaming das actividades que conforman o proxecto subvencionado.

2.9. Gastos en comunicación e publicidade en liña ou off line, entendendo por tales os gastos do deseño, materiais promocionais, insercións publicitarias, etc.

2.10. Gastos en contratación de persoal vinculado ao proxecto.

2.11. Gastos xerais. Considéranse subvencionables os gastos xerais, entendendo por tales aqueles que non poden vincularse directamente, pero que son necesarios para a realización da actividade subvencionada, sen que en ningún caso poidan superar o 7 % do importe xeral dos gastos subvencionables. Terán consideración de gastos xerais, entre outros os custos de desprazamento, gastos financeiros directamente relacionados coa actividade subvencionada, subministracións necesarias, como teléfono, luz, auga, e aqueloutros vinculados indirectamente co proxecto.

Os gastos de persoal considerados dentro dos gastos xerais serán aqueles referidos aos gastos do cadro de persoal que non teña un contrato laboral específico para o orzamento subvencionable e o seu custo calcularase en función da súa participación nel, realizando un rateo. No caso de que os beneficiarios sexan traballadores autónomos estes gastos xerais poderán acadar ata o 10 % do custo subvencionable.

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221118/AnuncioG1097-071122-0001_gl.pdf