imprimir

CONVOCAN AXUDAS AO SECTOR VITIVINÍCOLA (FONDO EUROPEO AGRÍCOLA DE GARANTÍA)

Consellería do Medio Rural

ORDE do 21 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para os investimentos para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas, financiadas polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), e se convocan para o exercicio orzamentario de 2023 (código de procedemento MR361A).

Poderán ser beneficiarios/as destas axudas:

a) As empresas vitivinícolas que no momento da solicitude produzan ou comercialicen os produtos contemplados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, ou que, como consecuencia da execución da operación obxecto da solicitude de axuda, comecen esa produción ou comercialización. As empresas deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

b) As organizacións de produtores vitivinícolas recoñecidas conforme ao artigo 152 do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013, e as súas asociacións.

c) As asociacións de dous ou máis produtores, con personalidade xurídica, dos produtos mencionados no anexo VII parte II do Regulamento (UE) 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de decembro de 2013. As asociacións deberán estar constituídas con anterioridade á data de presentación da solicitude.

d) As organizacións interprofesionais.

e) As organizacións profesionais.

Serán subvencionables os custos das seguintes accións:

a) Construción, adquisición ou mellora de bens inmobles.

b) Compra de nova maquinaria e equipamentos ata o valor de mercado do produto. Dentro destes gastos quedan incluídos os investimentos en activos materiais consistentes en sistemas que xeren enerxía, sempre que a cantidade de enerxía anual xerada non supere a cantidade de enerxía consumida anualmente nas instalacións obxecto do investimento no desenvolvemento das actividades habituais do beneficiario.

c) Gastos administrativos vinculados aos gastos contemplados nas letras a e b, tales como honorarios de arquitectura, enxeñería e asesoría, así como estudos de viabilidade, co límite do 4 % dos custos subvencionables totais da operación.

d) Adquisición ou desenvolvemento de soportes lóxicos de ordenador e adquisición de patentes, licenzas, dereitos de autor e o rexistro de marcas colectivas.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria comenza o día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 31 de xaneiro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20221227/AnuncioG0426-211222-0004_gl.pdf