XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA O PROGRAMA REACTIVA COMERCIO DE DINAMIZACIÓN E INCENTIVACIÓN DO CONSUMO DOS COMERCIOS RETALLISTAS GALEGOS A TRAVÉS DOS BONOS ACTIVA COMERCIO ABRÍNDOSE PRAZO PARA A ADHESIÓN DOS COMERCIOS

21. 04. 14

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación
ORDE do 8 de abril de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do
Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á súa convocatoria e á apertura do prazo para a adhesión dos comercios.

O obxectivo do programa bonos Activa comercio é incentivar a demanda comercial axudando economicamente as persoas consumidoras e fomentar o consumo nos establecementos comerciais retallistas adheridos á campaña.

Entidade colaboradora
A entrega e distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 16 de marzo de 2021 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A)

Pola presente orde subvenciónase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa.

As vendas subvencionadas serán as realizadas no prazo de tres meses contados desde a data fixada no artigo 17 para o lanzamento dos bonos.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de 30 euros para as compras nos comercios adheridos.

O importe do bono irase reducindo, ata o seu esgotamento, en función do valor da compra de acordo cos seguintes criterios:
– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.
– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.
Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5. Para seren beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde.

Os establecementos comerciais retallistas que desexen adherirse ao programa bonosActiva comercio deberán rexistrarse a través da web https://www.bonosactivacomercio.gal e indicar a  información que aparece nas bases.

O prazo para adherirse ao programa será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran, ademais, os seguintes requisitos:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e que reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade.
b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas de  conformidade co previsto no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño.
c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210414/AnuncioG0596-090421-0001_gl.pdf