imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA AS AXUDAS Á CREACIÓN DE NOVAS EMPRESAS (PROGRAMA I)

21. 07. 20

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 30 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para o fomento e a consolidación do emprego a través do Programa I, para as pequenas empresas de nova creación (código de procedemento TR807I), e do Programa II, de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (código de procedemento TR340E), e se realiza a súa convocatoria para o ano 2021.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas neste programa as empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación.

b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.

d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotores non figure ningunha persoa xurídica.

f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.

g) Que, como mínimo, o 50 % do seu capital social sexa de titularidade das persoas promotoras e que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.

2. Poderán ser beneficiarias as persoas promotoras para a axuda para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar.

Tipos de axuda:

a) Subvención á xeración de emprego estable.

b) Subvención para a formación.

c) Subvención para o inicio da actividade.

d) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

A creación de postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os das propias persoas promotoras, que sexan ocupados por persoas desempregadas incentivarase, ata un máximo de dez, cada un deles coa contía de 2.000 euros como desempregado en xeral. 

Cada posto de traballo estable incentivarase con 4.000 € para o caso de persoas desempregadas que se atopen nalgún dos seguintes colectivos, que non serán acumulables:

– Persoas desempregadas de longa duración.

– Persoas desempregadas con discapacidade.

– Persoas desempregadas que estean en situación ou risco de exclusión social.

3. Estas contías base incrementarase nun 25 % nos seguintes casos:

a) Se a persoa incorporada é unha muller.

b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) da empresa estea situado nun concello rural.

c) Persoas maiores de 45 anos.

d) Se a persoa incorporada ten a condición de persoa emigrante retornada.

e) Persoas trans. Estes incrementos son acumulables e deste xeito a contía máxima posible, de aplicarse todos os incrementos, sería de 9.000 €.

Subvención para a formación

1. A subvención para a formación ten por obxecto financiar parcialmente a formación relacionada coas funcións xerenciais da persoa promotora ou empresaria e/ou a formación directamente relacionada coa actividade que van desenvolver, de xeito que estes estudos contribúan á boa marcha da empresa.

2. Subvencionaranse os cursos e as actividades formativas que a persoa promotora que cree o seu propio posto de traballo estable e polo que se obtivese a subvención establecida no artigo 21 desta orde realice para obter e mellorar os seus coñecementos sobre a función xerencial e as actividades formativas directamente relacionadas coa actividade económica en que estea de alta a empresa. Esta formación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada dentro do período subvencionable.

3. O gasto orixinado deberase producir no período subvencionable e deberá ser efectivamente xustificado, mediante certificado de asistencia e as facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento, con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, en todo o caso, ata o 20 de decembro de 2021. A contía da subvención, que só se poderá solicitar unha vez, será de ata o 75 % do custo dos servizos recibidos, excluído o IVE, cun límite máximo de 3.000 euros polo conxunto dos cursos e actividades de formación recibidas.

Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras

1. Co obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas emprendedoras concederase unha subvención do 75 % do custo dos servizos de gardaría, ata un máximo de 3.000 euros, para aquelas persoas promotoras que teñan fillos ou fillas menores de tres anos.

2. Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas promotoras que creen o seu propio posto de traballo estable e polo que se obtivese a subvención establecida no artigo 21 desta orde, sexan titulares de familias monoparentais ou nas cales os dous cónxuxes realicen unha actividade laboral e estean dados de alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional. Co mesmo obxecto de favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar, para aquelas persoas promotoras que teñan algunha ou algunhas persoas con dependencia, (graos I, II e III) ou cun grao de discapacidade igual ou superior o 33 %, recoñecidos pola Consellería de Política Social, concederase unha subvención para os gastos de coidadores/as ou dos custos dos servizos en centros especializados de igual intensidade.

3. Serán subvencionables os gastos da gardaría e/ou de persoas cuidadoras ou dos costes dos servizos en centros especializados no caso das persoas con dependencia ou discapacidade, correspondentes desde os tres meses anteriores ao inicio de actividade e ata o mes de xullo de 2021 inclusive.

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210720/AnuncioG0599-060721-0001_gl.pdf