XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA PERSOAS TITULADAS UNIVERSITARIAS EN SITUACIÓN DE DESEMPREGO PARA A MATRÍCULA NUN MASTER UNIVERSITARIO OFICIAL OFERTADO POLAS UNIVERSIDADES DO SISTEMA UNIVERSITARIO GALEGO

21. 09. 28

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 15 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan axudas destinadas a persoas tituladas universitarias en situación de desemprego para a matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia no curso académico 2021/22 (código de procedemento ED421A).

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, axudas destinadas a financiar, no curso académico 2021/22, os gastos derivados da matrícula nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, a persoas desempregadas con titulación universitaria (código de procedemento ED421A).

Poderán solicitar estas axudas as persoas tituladas universitarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar en situación de desemprego na data de presentación da solicitude.

b) Ter rematados os estudos universitarios que lle dean acceso aos estudos do máster universitario con anterioridade ao 30 de xullo de 2020.

c) Estar matriculado/a no curso académico 2021/22 nun máster universitario oficial ofertado polas universidades do Sistema universitario de Galicia, dun mínimo de 60 créditos excluídos os créditos recoñecidos, validados ou adaptados.

d) Non estar incluídas nos casos de beneficios e exención total de matrícula previstos nos artigos 11 e 12 do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22 (DOG núm. 132, do 13 de xullo).

e) Non ter gozado desta axuda en convocatorias anteriores.

A contía da axuda cubrirá o importe das materias matriculadas por primeira vez, ata un máximo de 60 créditos, do máster universitario oficial segundo os prezos públicos establecidos no anexo do Decreto 103/2021, do 1 de xullo, polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos nas universidades do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2021/22.

Para os incluídos nos puntos 2 e 3 do anexo do decreto a contía máxima asignada será de 835,80 euros para os da epígrafe A) e de 591,00 euros para os da epígrafe B).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210928/AnuncioG0598-170921-0001_gl.pdf