XUNTA DE GALICIA CONVOCA O IV PLAN DE RESCATE DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS, PROFESIONAIS E EMPRESAS PARTICULAMENTE AFECTADAS POLA CRISE DA COVID-19 MEDIANTE AXUDAS DIRECTAS PARA O APOIO Á SOLVENCIA E REDUCIÓN DO ENDEBEDAMENTO DO SECTOR PRIVADO

21. 10. 28

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 18 de outubro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do IV Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas, profesionais e empresas particularmente afectadas pola crise da COVID-19, mediante axudas directas para o apoio á solvencia e redución do endebedamento do sector privado, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR700A).

Estas axudas directas terán carácter finalista e deberán aplicarse a satisfacer a débeda e realizar pagamentos a provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre e cando estes se xerasen entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021.

Poderán ser beneficiarias das axudas directas previstas nesta orde:

a) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, e profesionais (de ser o caso, mutualistas) en réxime de estimación obxectiva, con domicilio fiscal en Galicia e que exerzan unha actividade económica.

b) Todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia, os profesionais e empresas, con domicilio fiscal en Galicia, que exerzan unha actividade económica e que teñan unha caída do volume de operacións anual declarado ou comprobado pola Administración, no imposto sobre o valor engadido ou tributo indirecto equivalente, de máis dun 30 % no ano 2020 respecto do ano 2019.

c) Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que continúan coa súa actividade, aínda que non estean de alta no momento de presentación da solicitude e estean de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses nalgún dos anos 2019 ou 2020.

Para os efectos desta orde, ás persoas traballadoras autónomas que estean de alta durante un período superior a 9 meses aplicaráselles o réxime xeral e non o de tempada.

d) Poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas e empresas dadas de alta ou creadas entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de marzo de 2020 e empresas que realizasen unha modificación estrutural da sociedade mercantil entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

Importe das axudas

1. Para a determinación dos importes máximos recollidos na presente convocatoria teranse en conta os importes das axudas xa concedidas ao abeiro do III Plan de rescate da Xunta de Galicia (Orde do 9 de xuño de 2021, modificada pola Orde do 12 de xullo e 2021. DOG núm. 110, do 11 de xuño, e DOG núm. 132, do 13 de xullo, respectivamente).

2. No caso de persoas empresarias ou profesionais que apliquen no réxime de estimación obxectiva no imposto da renda das persoas físicas no ano 2019 e/ou no ano 2020, a axuda concederase por un importe máximo de 3.000 euros.

Os gastos subvencionables a que se refire o artigo 11 desta orde deberán ser de importe igual ou superior á axuda solicitada, de tal xeito que o importe da axuda nunca poderá ser superior aos ditos gastos subvencionables.

3. No caso das restantes persoas traballadoras autónomas, empresarias ou profesionais e empresas e de conformidade co establecido no artigo 3.2 do Real decreto lei 5/2021, do 12 de marzo, de medidas extraordinarias de apoio á solvencia empresarial en resposta a pandemia da COVID-19, modificado polo Real decreto lei 6/2021, a axuda máxima total concedida non poderá superar ningún dos seguintes importes:

Primeiro: 200.000 euros.

Segundo: o 40 % da caída do volume de operacións no ano 2020 respecto do ano 2019, que supere o 30 % da caída de facturación nese período, no caso de empresarios ou profesionais que apliquen o réxime de estimación directa no imposto sobre a renda das persoas físicas, así como as entidades e establecementos permanentes que teñan un máximo de 10 empregados/as.

Terceiro: o 20 % da caída do volume de operacións no ano 2020 respecto do ano 2019, que supere o 30 %, da caída de facturación nese período, no caso de entidades, empresarios ou profesionais e establecementos permanentes que teñan máis de 10 empregados/as. No obstante o establecido nos puntos segundo e terceiro anteriores, a axuda mínima será de 4.000 €, sempre que existan débedas pendentes ou compensación de custos fixos por ese importe.

Cuarto: o importe dos gastos subvencionables a que se refire o artigo 11.

4. Para as persoas autónomas de tempada, os importes da axuda serán o 50 % das cantidades indicadas no números 1 e 2 deste artigo.

Gastos subvencionables

Serán subvencionables as cantidades que se destinen a satisfacer a débeda con provedores e outros acredores, financeiros e non financeiros, así como a compensar os custos fixos en que se incorreu, sempre que estes se xerasen entre o 1 de marzo de 2020 e o 30 de setembro de 2021 e procedan de contratos anteriores ao 13 de marzo de 2021, de acordo co disposto nos puntos seguintes.

O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e remata o 29 de novembro de 2021, incluído.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211028/AnuncioG0599-201021-0001_gl.pdf