CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL CONVOCA A TARXETA BENVIDA PARA AS FAMILIAS CON FILLOS/AS NADOS, ADOPTADOS/AS OU DECLARADOS EN SITUACIÓN DE GARDA CON FINS ADOPTIVOS DURANTE O ANO 2022

22. 11. 15

Consellería de Política Social

ORDE do 27 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases polas que se rexerá a concesión da axuda económica, a través da tarxeta Benvida, para as familias con fillas e fillos nados, adoptados/as ou declarados/as en situación de garda con fins adoptivos no ano 2022, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento BS403B).

Poderán ser beneficiarias desta axuda aquelas persoas residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que se atopen nun dos seguintes supostos:

a) Ter fillas ou fillos nados/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

b) Ter constituída a adopción ou ser declarado/a en situación de garda con fins adopti‑ vos dun ou máis nenos/as entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022.

Así mesmo, poderán beneficiarse da axuda as galegas e galegos e os seus descendentes que se atopen en calquera dos dous supostos anteriores e, tendo residido fóra de España, retornen a Galicia durante o ano 2022.

Igualmente, aquelas familias que obtivesen a axuda de carácter xeral de 1.200 € nas convocatorias dos anos 2020 e 2021 e non accedesen á axuda no segundo ano de vida e ata o que o neno faga tres anos, ou ata que se cumpran tres anos do ditado da resolución nos supostos de adopción ou garda con fins adoptivos por superar os ingresos previstos para iso, poderán beneficiarse na presente convocatoria das contías previstas no artigo 4.2 no caso de experimentar unha variación á baixa da renda da unidade familiar que implique ter dereito a elas.

Con carácter xeral, a contía total da axuda é de 1.200 € por cada fillo ou filla durante un ano a razón de 100 €/mes.

No suposto de que o fillo ou filla que dá dereito á axuda sexa o terceiro/a ou sucesivo/a da unidade familiar a contía da axuda será de 2.400 € a razón de 200 €/mes.

Esta axuda farase efectiva do seguinte xeito:

a) Ano 2022: un único pagamento coa contía que corresponda en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adop‑ tivos e ata o mes de decembro, incluído.

b) Ano 2023: un único pagamento coa contía que corresponda desde xaneiro e ata o mes anterior ao que o neno ou nena faga un ano ou ata o mes anterior a que se cumpra un ano do ditado da correspondente resolución para os supostos de adopción ou garda con fins adoptivos.

Serán requisitos necesarios para a concesión desta axuda:

a) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual en Galicia. Para estes efectos, considerarase cumprido o requisito de residencia habitual co empadroamen‑ to efectivo nun concello de Galicia.

b) Que a renda da unidade familiar non supere os 45.000 €. No suposto de que esta contía sexa superior, a renda per cápita non deberá superar os 13.500 €.

c) Que a renda da unidade familiar non supere os 22.000 €, para ter dereito á contía da axuda prevista no artigo 4.2.

d) Que a persoa proxenitora solicitante teña a súa residencia habitual nun concello cunha poboación inferior a 5.000 habitantes, para ter dereito ao incremento da axuda prevista no artigo 4.3.

O prazo de presentación de solicitudes será de dous meses contados desde o día seguinte a aquel en que se produce o nacemento ou se dite a resolución administrativa ou xudicial para os supostos de garda con fins adoptivos e de adopción.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220111/AnuncioG0425-271221-0007_gl.pdf

Se algunha persoa precisa axuda para a súa tramitación desde os Servizos Sociais do Concello da Estrada, botaranlle unha man. Se tes algunha dúbida podes chamar ao teléfono: 986 677 696