XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA EXTRAORDINARIO DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS E MICROEMPRESAS CON ACTIVIDADES ESPECIALMENTE PARALIZADAS POLA CRISE DA COVID (FONDOS EUROPEOS)

22. 05. 04

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de abril de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa extraordinario das persoas traballadoras autónomas e microempresas con actividades especialmente paralizadas pola crise da COVID-19, financiadas parcialmente con fondos REACT-UE no marco do programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e se procede á súa convocatoria para o ano 2022 (código de procedemento TR760A).

A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas e microempresas, especialmente paralizadas, para facer fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego.

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA como persoas traballadoras por conta propia, as comunidades de bens ou sociedades civís, as microempresas e os mutualistas, sempre que estean de alta ou en situación asimilada, que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, que tivesen unha alta anterior ao 1 de xaneiro de 2019 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 65 % nos termos establecidos no artigo 9. Considerarase microempresa para efectos desta orde a que vén recollida no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño, en que se define a microempresa como aquela empresa que ocupa menos de dez traballadores e cun balance xeral anual inferior a dous millóns de euros.

Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que estean de alta no momento da presentación da súa solicitude e estivesen de alta un mínimo de catro (4) meses e un máximo de nove (9) meses no ano 2019.

O importe das axudas está en función da facturación que se acredite no ano 2019 e conforme a seguinte táboa:

– Facturación superior a 30.000 €: 12.000 €.

– Facturación superior a 20.000 € e ata 30.000 €: 8.000 €.

– Facturación superior a 12.000 € e ata 20.000 €: 6.000 €.

– Facturación superior a 8.000 € e ata 12.000 €: 4.000 €.

– Facturación superior a 5.000 € e ata 8.000 €: 2.000 €.

– Facturación igual ou superior a 4.000 € e ata 5.000 €: 1.000 €.

Para os autónomos de tempada, os importes reduciranse ao 50 %

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

Máis información no teléfono gratuíto 900 815 600

Tes información máis completa aquí: https://oficinadoautonomo.gal/gl/programa-extraordinario-das-persoas-traballadoras-autonomas-e-microempresas-con-actividades

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220503/AnuncioG0599-290422-0001_gl.pdf