imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PLAN DE RESCATE DAS PERSOAS TRABALLADORAS AUTÓNOMAS E DAS MICROEMPRESAS AFECTADAS POLA CRISE DA COVID19

21. 02. 18

Consellería de Emprego e Igualdade
ORDE do 17 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19, mediante o Programa I de persoas traballadoras autónomas (TR500A), susceptible de ser financiado parcialmente polo Fondo Social Europeo (FSE), e o Programa II de microempresas (TR500B), e se procede á súa convocatoria para o ano 2021.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de axudas para as persoas traballadoras autónomas de Galicia do II Plan de rescate das persoas traballadoras autónomas e das microempresas afectadas pola crise da COVID-19 a través de dous programas:

Programa I de apoio ás persoas traballadoras autónomas (TR500A).
Programa II de apoio a microempresas para o mantemento do emprego e da actividade económica (TR500B).

Programa I. Persoas traballadoras autónomas (código de procedemento TR500A)
Obxecto e finalidade das bases reguladoras do Programa I
1. Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para a concesión de
axudas do Programa de rescate das persoas traballadoras autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. A finalidade deste programa é a concesión dunha axuda económica ás persoas traballadoras autónomas, para faceren fronte á situación económica motivada pola pandemia da COVID-19, que contribúa ao mantemento da actividade económica e do emprego

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como persoas traballadoras por conta propia e que teñan o domicilio fiscal en Galicia, incluídos os autónomos societarios que teñan unha alta anterior ao 30.3.2020 e que acrediten unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 % nos termos establecidos no artigo 19.3.
2. As persoas autónomas societarias, que estean de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar con data anterior ao 30.3.2020 e indiquen no anexo I unha empresa da cal sexan societarios cunha porcentaxe de participación mínima do 25 %, e que cumpra os requisitos de baixada de facturación.
3. Tamén poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada, sempre que acrediten que, aínda que non estean de alta no momento da presentación da súa solicitude, estivesen de alta un mínimo de catro meses e máximo de nove meses, en cada un dos anos 2018 e 2019.
4. Unicamente se pode presentar unha solicitude por persoa física.
5. Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

As axudas concederanse polos seguintes importes:
a) 1.200 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación entre o 45 % e o 60 %.
b) 2.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.
c) 3.000 € para as persoas que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %.

Para as persoas autónomas de tempada, os importes da axuda serán o 50 % das cantidades indicadas no punto anterior.

A baixada de facturación calcularase de xeito xeral comparando os datos de facturación anual de 2020 cos de 2019.
Excepcionalmente, considéranse outros parámetros para os seguintes supostos:
a) Persoas autónomas de tempada: a baixada de facturación calcularase comparando a media mensual dos meses que estivo de alta no ano 2019 coa facturación media dos meses que estivo de alta no ano 2020, polo que, se non estivo de alta durante o ano 2020, xa se considera como actividade especialmente paralizada en canto ao volume de facturación.
b) Para as altas ou empresas creadas ao longo do ano 2019, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do ano 2019 coa facturación media dos meses do ano 2020.
c) Para as altas ou empresas creadas desde o 1.1.2020 ao 31.3.2020, a baixada de facturación calcularase comparando a facturación media mensual dos meses con actividade do primeiro trimestre do ano 2020 coa media mensual dos tres trimestres restantes do ano 2020.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data da  publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia,

Programa II. Microempresas (código de procedemento TR500B)
Estas bases teñen por obxecto fixar os criterios e requisitos para apoiar o mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas e das persoas traballadoras autónomas, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

Excepcionalmente, poderán ser beneficiarias as empresas que teñan ata 25 persoas traballadoras e o volume de facturación non sexa superior a dous millón de euros no último ano en que se presentasen contas e acrediten un descenso de facturación superior ao 60 %. No caso das pemes pertencentes ao canal de distribución Horeca, o volume de facturación elevarase ata os cinco millóns de euros.

As persoas ou entidades beneficiarias serán as persoas traballadoras autónomas, as microempresas e, excepcionalmente, as pemes conforme o indicado no artigo anterior, sempre que teñan persoal contratado por conta allea ao seu cargo e que tivesen unha baixada de facturación de, polo menos, o 45 %.

Entenderase como actividade especialmente paralizada aquela que tivese un descenso de facturación igual ou superior ao 70 %
As axudas concederanse polos seguintes importes:
a) 4.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de entre o 45 % e o 60 %.
b) 5.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación de máis dun 60 % e de menos do 70 %.
c) 6.000 € para as persoas ou entidades que acrediten unha baixada de facturación igual ou superior ao 70 %

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210218/AnuncioG0599-170221-1_gl.pdf