imprimir

CONVOCATORIA DO PROGRAMA DAS AXUDAS PARA CONTRIBUIR A MINIMIZAR O IMPACTO ECONÓMICO E SOCIAL DA COVID 19 NOS ALUGUEIROS DA VIVENDA HABITUAL

21. 04. 06

Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 26 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións do Programa de axudas para contribuír a minimizar o impacto económico e social da COVID-19 nos alugueiros de vivenda habitual, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento VI432E).

Situación de vulnerabilidade económica a efectos de obter estas axudas
1. De acordo co establecido no artigo 5 do Real decreto lei 11/2020, do 31 de marzo, os supostos de vulnerabilidade económica como consecuencia da emerxencia sanitaria ocasionada pola COVID-19 requirirán, para os efectos de obter axudas en relación coa renda do alugueiro da vivenda habitual, a concorrencia conxunta dos seguintes requisitos:
a) Que a persoa que estea obrigada a pagar a renda de alugueiro pase a estar, a partir do 14 de marzo de 2020, en situación legal de desemprego, expediente temporal de regulación de emprego (en diante, ERTE), ou reducise a súa xornada por motivo de coidados,
ou cesado a súa actividade en caso de traballador por conta propia, ou outras circunstancias similares vinculadas á actividade laboral ou empresarial, que lle supoñan unha perda substancial de ingresos.
b) Que o conxunto dos ingresos netos dos membros da unidade familiar, no mes anterior á solicitude, non acaden os seguintes importes:
i. Con carácter xeral, o límite de 3 veces o IPREM.
ii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada fillo a cargo na unidade familiar. O incremento aplicable por fillo a cargo será de 0,15 veces o IPREM por cada fillo no caso de unidade familiar monoparental.
iii. Este límite incrementarase en 0,1 veces o IPREM por cada persoa maior de 65 anos membro da unidade familiar.
iv. No caso de que algún dos membros da unidade familiar teña declarada discapacidade igual ou superior ao 33 por cento, situación de dependencia ou enfermidade que lle incapacite acreditadamente de forma permanente para realizar unha actividade laboral, o límite previsto no subapartado i) será de 4 veces o IPREM, sen prexuízo dos incrementos acumulados por fillo a cargo.
v. No caso de que a persoa obrigada a pagar a renda de alugueiro sexa unha persoa con parálise cerebral, con enfermidade mental ou con discapacidade intelectual, cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 por cento, ou persoa con discapacidade física ou sensorial, cun grao de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65 por cento, así como nos casos de enfermidade grave que incapacite acreditadamente a persoa ou ao seu coidador para realizar unha actividade laboral, o límite previsto no subepígrafe i) será de 5 veces o IPREM.
c) Que a renda, máis os gastos e subministracións básicas do mes anterior á solicitude da axuda, resulte superior ou igual ao 35 % dos ingresos netos que perciba o conxunto dos membros da unidade familiar. Para estes efectos, entenderase por «gastos e subministracións básicas» o importe do custo das subministracións de electricidade, gas, gasóleo para calefacción, auga corrente, dos servizos de telecomunicación fixa e móbil, e as posibles contribucións á comunidade de propietarios, todos eles da vivenda habitual que corresponda satisfacer á persoa arrendataria.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas físicas maiores de idade que na data da presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter a nacionalidade española ou residir legalmente en España, no caso das persoas estranxeiras.
b) Ser titulares, en condición de persoa inquilina, dun contrato de alugamento de vivenda situado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia cunha duración mínima dun ano, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, con mención expresa da súa referencia catastral e do medio e forma de pagamento á persoa arrendadora.
c) Que a vivenda arrendada constitúa a súa residencia habitual e permanente, así como da súa unidade de familiar. Para estes efectos, tanto a persoa beneficiaria como as de mais persoas integrantes da súa unidade familiar deben constar empadroadas na vivenda obxecto do contrato de alugamento á data da presentación da solicitude.
d) Estar ao día do pagamento da renda do alugueiro correspondente ás tres últimas mensualidades inmediatamente anteriores ao primeiro mes para o que se solicita a axuda, agás que o contrato tivese unha vixencia inferior, en cuxo caso deberá estar ao día do pagamento da renda desde o inicio do contrato. Para estes efectos, non se admitirán os pagamentos das rendas que se efectúen en metálico, debendo acreditarse mediante documento bancario.
e) Estar en situación de vulnerabilidade económica, conforme o establecido no ordinal terceiro.
f) Estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
g) Non estar incurso nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A contía desta axuda será de ata 500 euros mensuais, sen que en ningún caso poida exceder do importe da renda do contrato.
A axuda concederase polo prazo no que se acredite estar en situación de vulnerabilidade como consecuencia da COVID-19, durante un período máximo de seis meses consecutivos, podendo ter efectos retroactivos nos termos sinalados na correspondente convocatoria.
De conformidade co punto 2 do ordinal décimo segundo das bases reguladoras, as axudas recoñeceranse desde o 1 de xaneiro de 2021, sempre que o correspondente contrato de alugamento estivese vixente nesa data e se tivesen xustificado debidamente o pagamento das mensualidades anteriores, conforme o ordinal décimo cuarto, punto 1.m).

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG e rematará o 30 de setembro de 2021 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210406/AnuncioC3Q2-220321-0005_gl.pdf