QUE AXUDAS PODE SOLICITAR UNHA PERSOA QUE NON COTIZOU O SUFICIENTE PARA ACCEDER A UNHA PRESTACIÓN?

21. 02. 11

QUE AXUDAS PODE SOLICITAR UNHA PERSOA QUE NON COTIZOU O SUFICIENTE PARA ACCEDER A UNHA PRESTACIÓN?

 

As persoas desempregadas que non cumpran os requisitos para poder solicitar unha prestación contributiva poden solicitar algúns subsidios.
Para poder cobrar unha prestación contributiva do Servizo de Emprego Público Estatal ( SEPE) débense cotizar polo menos 360 días dentro dos 6 anos anteriores á situación legal de desemprego.

Estes requisitos en moitas ocasións non son cumpridos por unha gran parte de desempregados/as que ou ben non cotizaron o suficiente, non porque traballasen pouco tempo, se non máis ben porque estiveron dados de alta poucas horas, é dicir, que unha persoa pode traballar 1 ano seguido, pero non ter cotizados 360 días porque os seus contratos eran de 15 horas semanais (lembremos que cada 8 horas é un día cotizado), polo que ao quedar en desemprego non ten cotización suficiente. Ou ben unha persoa que polos motivos que sexan non cotizou nunca.

Nestes casos o Goberno dispón doutro tipo de prestacións e axudas que poden solicitar, informámosche de cales podes solicitar se te atopas nesta situación.

  • Subsidio por insuficiencia de cotización.

Esta axuda esta destinada para aquelas persoas desempregadas que cotizaron, pero non o suficiente para pedir a prestación por desemprego (paro), a contía para cobrar ascende a 451,92 euros mensuais durante 6 meses.

Os requisitos que se deben cumprir son os seguintes:

  • Ter polo menos 180 días cotizados, pero no caso de que o/a solicitante teña responsabilidades familiares bastará con ter 90 días cotizados.
  • Carecer de rendas de calquera natureza superiores ao 75% do SMI.
  • Se a persoa traballadora tivese dereito ao “Subsidio por desemprego para traballadores maiores de cincuenta e cinco anos” percibiría este.

O tempo que se cobra este subsidio varía segundo a situación do desempregado.

Se non se ten cargas familiares cobrará durante 6 meses, no caso de ter cargas familiares, se se cotizou entre tres, catro ou cinco meses, cobrarase durante os mesmos meses cotizados, pola contra se se cotizou entre 6 e 12 meses (359 días) cobrarase durante 6 meses prorrogable ata os 21 meses.

MÁIS INFORMACIÓN

  • Renda Activa de Inserción (RAI)

Esta prestación está destinada a aquelas persoas desempregadas cuxa situación económica é precaria e teñen graves problemas para poder atopar un traballo.

Está destinada aos parados/as de longa duración maiores de 45 anos, emigrantes retornados maiores de corenta e cinco, vítimas de violencia sexista ou ben persoas con discapacidade igual ou superior ao 33%.

Para poder solicitala os seus principais requisitos son:

  • Estar en desemprego e rexistrado/a como demandante de emprego e subscribir o compromiso de actividade
  • Carecer de rendas de calquera natureza superiores ao 75% do SMI.
  • Non cobrar esta axuda nos 365 días anteriores á data da nova solicitude.
  • Ser menos de 65 anos.

Toda a información así como a documentación pódela atopar na web do SEPE: https://www.sepe.es/HomeSepe/Personas/distributiva-prestaciones/he-dejado-de-cobrar-el-paro/no-tengo-prestacion

  • Subsidio Extraordinario por Desemprego (SEDE)

Este subsidio é unha axuda de 451,92 euros ao mes, como todos os subsidios e esta destina a aquelas persoas que esgotaron a prestación por desemprego (paro) ou ben subsidio.

Débense cumprir os seguintes requisitos.

  • Extinguir en último lugar por esgotamento calquera dos subsidios por desemprego.
  • Ser persoa parada de longa duración que esgotase prestacións por desemprego, PREPARA ou RAI e estar inscrita como demandante de emprego. Considérase persoa parada de longa duración aquela que permanecese rexistrada como demandante de emprego durante polo menos 360 días nos dezaoito meses inmediatamente anteriores á data da solicitude do subsidio extraordinario.

Como pasa nos demas subsidios cóbrase durante un prazo máximo de 6 meses, sen posibilidade de solicitar unha prórroga e ademais tan só pode solicitarse unha vez.

Como se solicita?
Este subsidio pódese solicitar tanto de forma presencial ou de forma telemática.

Para a solicitude presencial débese acudir á oficina de emprego co MODELO DE SOLICITUDE cumprimentado do municipio baixo cita previa

Para a tramitación en liña, será necesario dispoñer de certificado dixital, DNI electrónico ou ben usuario e Cl@ave>, se se dispoñen destes medios tan só haberá que encher o formulario dispoñible na SEDE ELECTRÓNICA DO SEPE

  • Ingreso Mínimo Vital

É a gran aposta do Goberno para loitar contra a pobreza no país e poder garantir uns ingresos mínimos mensuais coa que a cidadania poidan cubrir as súas necesidades básicas.

Requisitos máis importantes:

  • Ter máis de 23 anos e menos de 65, salvo nos casos en que se conte con menores a cargo, nos que non haberá requisito de idade
  • Residencia continuada e ininterrompida en España durante polo menos o ano anterior á presentación da solicitude.
  • Cumprir coas condicións de vulnerabilidade económica: é dicir, que a renda do fogar do solicitante non chegue ao limiar de ingresos fixado para ese tipo de fogar.
  • Para solicitantes que viven sós esíxese vivir durante polo menos os tres anos previos á solicitude de forma independente.

En canto á contía desta axuda, oscila entre os 469 e 1.033 euros dependendo da situación do solicitante.

GUIA COMPLETA IMV

  • Pensión non contributiva para maiores de 65 anos. Por último as persoas maiores de 65 anos que non teñan suficiente cotización para poder solicitar unha pensión contributiva, poden solicitar unha non contributiva no caso de que cumpran unha serie de requisitos. Deberán tramitala a través dos Servizos Sociais.