Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
RESOLUCIÓN do 3 de maio de 2018 pola que se convoca a novena edición dos premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.
Obxecto
Fomentar actuacións que animen a participación pública e privada no proceso de desenvolvemento rural mediante a concesión de premios a iniciativas de desenvolvemento rural.
Beneficiarios
Persoas físicas ou xurídicas de natureza privada.
Os premios que se convocan correspóndense coas seguintes categorías:
– Categoría mozos, para aquelas iniciativas levadas a cabo por mozos/as que constitúan unha aposta polo presente e o futuro do medio rural galego e da súa poboación. Para estes efectos, terán a consideración de mozos ou mozas quen non teña máis de corenta anos na data en que finalice o prazo para presentar a candidatura ou, no caso de persoas xurídicas, cando polo menos o 25 % dos seus membros cumpran este requisito.
– Categoría proxectos culturais e de recuperación patrimonial no medio rural, para todos aqueles proxectos orientados á posta en valor, conservación e recuperación de elementos patrimoniais do rural galego, así como aqueles aspectos da nosa cultura que se constitúen como sinais de identidade do medio rural.
– Categoría proxectos de interese social, orientados cara á integración dos colectivos máis desfavorecidos e que procuren a inserción social ou o coidado dos nosos maiores.
– Categoría turismo, para recoñecer aquelas iniciativas que contribúan ao desenvolvemento económico a través da potenciación da ampla riqueza dos recursos turísticos do medio rural de Galicia.
– Categoría sector agro-gandeiro, dirixida a proxectos desenvolvidos dentro dos sectores da gandaría, a agricultura e/ou o a transformación agroalimentaria que aposten polo valor engadido na súa produción.
– Categoría mulleres, orientada ás iniciativas levadas a cabo polas mulleres no medio rural, desde unha óptica de igualdade e progreso, en que serán fundamentais valores como o asociacionismo, a profesionalización e a innovación.
– Categoría innovación tecnolóxica, dirixida ás iniciativas desenvolvidas no medio rural galego que incorporen a innovación para obter un novo produto ou mellorar a calidade nos seus produtos ou servizos, para diminuír custos, para ofrecer unha maior gama de produtos ou servizos ou para seren máis rápidas na súa introdución no mercado.
– Categoría premio á loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras agrarias, destinada a premiar as iniciativas que puxesen en marcha proxectos ou experiencias que contribúan, directa ou indirectamente, a loitar contra o abandono de terras agrarias ou a favor da recuperación daquelas que xa están en situación de abandono, ou ben á visibilización deste como un problema grave para o conxunto da sociedade galega.
Cada un dos premios constará dun diploma e unha dotación en metálico de 10.000 €
Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2018/20180518/AnuncioO90-040518-0001_gl.pdf