Axencia Turismo de Galicia
RESOLUCIÓN do 15 de xaneiro de 2019 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para actuacións de mellora das infraestruturas dos establecementos turísticos de aloxamento da Comunidade Autónoma de Galicia e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2019.
As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas de establecementos de aloxamento turístico (TU503A).
Consideraranse actuacións subvencionables todos aqueles que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2019.
En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
3.1. Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
3.2. Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de calidade turística.
3.3. Actuacións destinadas á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
3.4. Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético.
3.5. Actuacións relativas á renovación e modernización das instalacións así como embelecemento do contorno.
3.6. Renovación dos equipamentos mobles necesarios para o funcionamento do establecemento de aloxamento.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. No caso de que o orzamento de execución do proxecto presentado coa solicitude de subvención sexa superior ao dito límite, requerirase o solicitante para que reformule o proxecto ata o citado límite.
Gastos subvencionables
1. Considéranse gastos subvencionables os investimentos netos en que incorrese a entidade solicitante como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados.
2. Ademais dos gastos de obra e adquisicións de bens mobles inventariables vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos turísticos de aloxamento que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan autorizado ou clasificado conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o cal se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.