Nesta web as cookies son utilizados para fins estatísticos para optimizar a función e, así, proporcionar contidos adaptados aos seus intereses. Se preme "continuar", concordas con estas condicións. Máis información

Loading...

Emprego A Estrada

Luns, 06 Xullo 2020 06:16

CONVOCATORIA DAS AXUDAS DO EMEGA AO EMPRENDEMENTO FEMININO

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
RESOLUCIÓN do 17 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino en Galicia, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo (FSE) Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria no ano 2020 (procedemento SI429A).

Esta resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras das axudas do programa Emega para fomentar o emprendemento feminino en Galicia e proceder á súa convocatoria no ano 2020 (procedemento SI429A).

O programa Emega comprende un conxunto de axudas dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto con medidas complementarias para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o acceso a servizos específicos de información, asesoramento e orientación empresarial co obxecto de facilitar a implantación e consolidación dos proxectos empresariais promovidos por mulleres.

Co dito fin, o programa Emega comprende as seguintes liñas de axuda:
a) Liña Emprende: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

b) Liña Innova: liña de axudas económicas mediante incentivos para promover a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade en empresas constituídas por mulleres, e que impliquen a creación de emprego feminino vinculado ao proxecto
de mellora.

c) Liña Activa: liña de axudas económicas mediante incentivos para favorecer a reactivación e consolidación de empresas constituídas por mulleres, a través de medidas de renovación, implantación, ampliación ou cambio de localización da actividade dirixidas a paliar unha situación económica adversa, e que resulten necesarias para o mantemento do emprego por conta propia e por conta allea, así como para acadar o necesario equilibrio
empresarial e asegurar a súa pervivencia e consolidación no actual contexto económico, contexto que se viu agravado pola situación da pandemia polo COVID-19. As ditas medidas non poderán supor, en ningún caso, destrución do emprego existente por conta propia e allea.

d) Liña ITEF: liña de axudas económicas mediante incentivos para impulsar a implantación de iniciativas empresariais de carácter innovador, con contido científico ou con base tecnolóxica, promovidas por mulleres e que supoñan a creación de emprego feminino estable por conta propia e allea.

e) Concilia: axuda complementaria das liñas Emprende, Innova, Activa e ITEF para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral, nas súas dúas modalidades: Concilia-promotoras e Concilia-persoas traballadoras por conta allea.

Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Emega as empresas privadas formadas por mulleres que inicien a súa actividade económica ou formalicen os seus plans Innova ou Activa no período comprendido entre o 1 de agosto de 2019 e a data da fin do
prazo de presentación de solicitudes ao abeiro desta convocatoria, sempre que cumpran todas as condicións e requisitos comúns e os específicos da correspondente liña ou tipo de axuda previstos nesta resolución, así como na normativa xeral de subvencións, en particular, as exixencias establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento.

Cando se trate de empresarias individuais, a solicitude deberá ser presentada pola traballadora autónoma.

Cando a actividade empresarial sexa realizada por unha sociedade civil, comunidade de bens, sociedade mercantil, cooperativa ou sociedade laboral, a solicitude de subvención deberá ser presentada por esta, non sendo válidas nin admisibles as solicitudes presentadas polas socias ou comuneiras a título persoal; de ser o caso, efectuarase o oportuno requirimento para que emenden a solicitude.

A contía das axudas establécese en función da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados para mulleres, por conta propia e por conta allea, de acordo co seguinte:

  • Liña Emprende: incentivos desde 8.000 € ata 20.000 €.
  • Liña Innova: incentivos desde 12.000 € ata 20.000 €.
  • Liña Activa: incentivos desde 6.000 € ata 15.000 €.
  • Liña ITEF: incentivos desde 16.000 € ata 40.000 €.

Axuda complementaria Concilia:

  • Concilia-promotoras: incentivo de 3.000 €.
  • Concilia-persoas traballadoras por conta allea: incentivos desde 1.000 € a 5.000 €.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Bases: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200706/AnuncioG0244-230620-0001_gl.pdf