imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS Á CONCILIACIÓN DA VIDA PERSOAL, FAMILIAR E LABORAL POR REDUCCIÓN DA XORNADA LABORAL

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 9 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida persoal, familiar e laboral, por redución da xornada de traballo, como medida de fomento da corresponsabilidade, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa FSE+ Galicia 2021- 2027, e se convocan para o ano 2026 (código de procedemento SI440A)

Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos, das persoas sinaladas como beneficiarias no artigo 5.

Persoas beneficiarias

1. Poderá ser beneficiaria das axudas previstas nesta convocatoria a persoa proxenitora do/da menor que exerza o dereito á redución de xornada, e segundo as seguintes situacións:

a) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, polo tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada.

b) No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, calquera das persoas proxenitoras.

c) No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar.

d) No caso de custodia compartida do/da menor, calquera das persoas proxenitoras.

2. Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, con base no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.

c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos, sen que haxa custodia compartida.

REQUISITOS:

a) Estar empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega.

b) Que se trate dunha persoa traballadora por conta allea, tanto na empresa privada como nas administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

c) Que a redución de xornada sexa para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. Exceptúanse do disposto no parágrafo anterior os casos de adopción ou acollemento familiar, en calquera das súas modalidades, en que para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción, ou 12 anos se o/a menor ten recoñecida unha discapacidade de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. En calquera caso, a/o filla/fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

d) Que a redución de xornada se produza no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos.

e) Convivir coa filla ou o fillo durante o período subvencionable.

f) A redución de xornada terá que ser de, polo menos, o 12,5 % da xornada.

g) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.

h) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

i) No caso de familias monoparentais, que dispoñan dalgunha da seguinte documentación: certificado de familia monoparental; libro de familia ou inscrición no rexistro en que figure só a persoa solicitante; convenio regulador, ratificado polo xulgado, da nulidade, separación ou divorcio.

Período subvencionable e contía das axudas

1. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses (8) comprendidos entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos. Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos, entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os dous incluídos, co límite máximo de oito (8) meses.

2. Para a determinación do importe da axuda e a súa xustificación establécese un método de custos simplificados consistente nun custo unitario, conforme o disposto no artigo 53.1.b) do Regulamento (UE) 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo Plus, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo de Transición Xusta e ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura, así como as normas financeiras para os ditos fondos e para o Fondo de Asilo, Migración e Integración, o Fondo de Seguridade Interior e o Instrumento de apoio financeiro á xestión de fronteiras e á política de visados. En particular, os importes dos incentivos previstos nesta convocatoria establecéronse a través dun método de cálculo xusto, equitativo e verificable baseado en datos estatísticos, conforme o indicado no artigo 53.3.a).i) do devandito regulamento.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260724/AnuncioG0762-090726-0005_gl.pdf