CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 31 de xullo de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS614B).
Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables nunha única axuda a través das seguintes modalidades do citado programa e incompatibles entre sí:
a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante un informe médico e social.
b) Modalidade de respiro nun centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Modalidade de respiro nunha residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto das estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.
Serán subvencionables os gastos xerados no ano 2026 dos servizos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 5, que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 21 de novembro de 2026, segundo o que nel se indica.
Poderán ser beneficiarias das axudas económicas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante un informe médico e social. Cada persoa atendida dá lugar a unha única axuda que pode ser compartida por dúas ou máis persoas coidadoras. Neste caso a axuda repartirase proporcionalmente ao gasto xustificado por cada unha das persoas coidadoras.
Para que a persoa coidadora sexa beneficiaria da subvención, é necesario que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa coidadora solicitante da subvención e a persoa ou persoas que atenda sexan residentes na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Que a persoa atendida se encontre nalgunha das seguintes situacións: 1º. Que presente unha discapacidade física, psíquica ou mental e necesite axuda de terceiras persoas para as actividades da vida diaria, e que teña recoñecida polo organismo competente unha discapacidade en grao igual ou superior ao 75 %. 2º. Que teña recoñecida a situación de dependencia polo organismo competente nos graos II ou III. 3º. Que, no caso de non encontrarse nas situacións enumeradas nos ordinais anteriores, presente unha situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante un informe médico e social. 2. Ademais, as persoas coidadoras, para seren beneficiarias da subvención, teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Tipo de axuda e contía
1. Modalidade de respiro no fogar. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención a domicilio para atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados.
A través desta modalidade, prevista para lles dar resposta ás demandas concretas das familias e das persoas coidadoras por espazos de tempo definidos e non moi longos, contribuirase á prestación dunha atención integral e directa no propio fogar da persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, co obxectivo de manter estas persoas no seu domicilio e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e das responsabilidades familiares que se produzan. O servizo poderá prestalo unha entidade autorizada para proporcionar o servizo de axuda no fogar e inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS) ou persoal profesional legalmente acreditado con formación específica en atención a persoas con necesidades especiais e contratado directamente pola persoa coidadora solicitante da subvención. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa atendida, en ausencia das persoas coidadoras. Pódense prestar as seguintes tarefas:
a) Asistencia para levantarse e deitarse.
b) Apoio no coidado e na hixiene persoal, así como para vestirse.
c) Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
d) Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
e) Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
f) Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
g) Calquera outra tarefa implícita no desenvolvemento das anteriores. Cando nun domicilio se atenda a máis dunha persoa, as tarefas que se presten deberán ser compatibles coa vixilancia e atención de todas elas.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
2. Modalidade de respiro nun centro de día. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pagamento do servizo de atención no centro de día co fin de atender as necesidades puntuais nos supostos convenientemente acreditados. O obxectivo desta modalidade é atender á persoa dependente, con discapacidade ou con necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria no centro de día e ofertarlle á súa persoa coidadora habitual a posibilidade de dispoñer dunhas horas para o seu descanso persoal ou ben para cubrir as súas necesidades puntuais derivadas da conciliación das obrigas laborais e persoais e das responsabilidades familiares que se produzan. O servizo deberá ser prestado por unha entidade autorizada como centro de día, inscrita no RUEPSS e que conte coa autorización correspondente para proporcionar o devandito servizo. As actuacións do servizo cubrirán os coidados persoais e de acompañamento que necesita a persoa atendida, en ausencia das persoas coidadoras. Pódense prestar as seguintes tarefas:
a) Apoio nas actividades da vida diaria.
b) Servizo de comedor con menús e dietas adaptadas.
c) Aseo, hixiene persoal e mobilización.
d) Actividades destinadas á promoción da saúde física e da autonomía persoal.
e) Servizos terapéuticos e de entretemento como terapia ocupacional, traballo social, atención social, servizo de animación, obradoiros, excursións, control nutricional.
f) Servizos complementarios como transporte adaptado, peiteado, podoloxía, fisioterapia, psicoloxía ou xeriatría.
g) Administración da medicación oral segundo prescrición.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.000 euros por persoa beneficiaria/ano.
3. Modalidade de respiro nunha residencia. A axuda consistirá nunha achega para contribuír ao pago do centro residencial ante unha necesidade puntual nos supostos convenientemente acreditados.
Para dar resposta á necesidade de descanso da persoa coidadora, esta modalidade de subvención destinarase a sufragar os gastos das estadías temporais da persoa en situación de dependencia ou con discapacidade atendida nun centro residencial inscrito no RUEPSS e dotado dos recursos necesarios para prestarlle unha atención integral. A modalidade de atención residencial incluirá os seguintes servizos, entre outros:
a) Aloxamento e manutención completa en cuartos dobres adecuados ás limitacións e necesidades das persoas atendidas. No caso de que unha persoa atendida desexe ocupar un cuarto individual, isto estará supeditado á dispoñibilidade do centro e deberá aboar pola súa conta o pagamento do suplemento que lle corresponda.
b) Menú axeitado baixo supervisión médica.
c) Atención integral que comprende: coidado persoal, control e protección, prestación das axudas necesarias para a realización das actividades da vida diaria como o aseo, o vestido, a comida.
d) Atención médica, psicolóxica e social tendo en conta as indicacións e o tratamento que os profesionais lles prescribisen ás persoas usuarias, de ser o caso.
A axuda dirixida ás persoas beneficiarias que se establecen no artigo 3 consistirá nunha achega que pode acadar ata o 100 % do custo das actuacións subvencionables, cun máximo de 1.500 euros por persoa beneficiaria/ano.
O prazo para presentar as solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de outubro de 2026.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260811/AnuncioG0762-040826-0001_gl.pdf