imprimir

AXENCIA TURISMO DE GALICIA CONVOCA SUBVENCIÓNS PARA ACTUACIÓNS DE EFICIENCIA ENERXÉTICA EN EMPRESAS TURÍSTICAS (FONDOS EUROPEOS)

AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 10 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para actuacións de eficiencia enerxética en empresas turísticas, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % do gasto elixible no marco do Programa Galicia Feder 2021-2027, e se anuncia a súa convocatoria con carácter plurianual (2026-2027) (código de procedemento TU986B)

Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as persoas físicas e xurídicas que teñan a condición de peme que sexan titulares de establecementos turísticos de aloxamento e de restauración, que reúnan os requisitos establecidos nestas bases e que teñan inscrito e autorizado ou clasificado, conforme estableza a normativa turística, no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en diante, REAT), o establecemento turístico para o que se solicita a axuda, con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

En concreto, son actuacións subvencionables as que se realicen en calquera dos seguintes tipos de establecementos turísticos:

a) Os establecementos hoteleiros, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos, vivendas turísticas e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

b) As empresas de restauración (restaurantes, cafetarías e bares) que se enmarquen dentro do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.

Serán actuacións subvencionables aquelas que consigan unha redución da demanda enerxética actuando na envolvente térmica do edificio completo, dun local ou sobre partes dun edificio destinado a establecemento turístico.

O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses e iniciarase ás 9.00 horas do quinto día hábil seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O prazo finalizará ás 20.00 horas do día en que se cumpran tres meses desde a data de inicio do prazo, excepto cando se produza o esgotamento do crédito. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260831/AnuncioG0256-180826-0001_gl.pdf