CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE
ORDE do 18 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases para a concesión das axudas económicas ás familias para a conciliación, en situacións puntuais e períodos de vacacións escolares, a través do programa Bono Concilia Familia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento BS412A).
Para os efectos desta orde, entenderanse como vacacións escolares os seguintes períodos do ano 2026:
– Do 1 ao 7 de xaneiro.
– Os días 16, 17 e 18 de febreiro.
– Do 30 de marzo ao 6 de abril.
– Do 20 de xuño ao 8 de setembro.
Poderán ser beneficiarias das axudas do programa Bono Concilia Familia os pais/nais e as persoas titoras de nenas e nenos nados entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, ou as persoas que os/as teñan en situación de acollemento familiar ou garda con fins adoptivos, que residan na Comunidade Autónoma de Galicia.
Para ter dereito ás axudas previstas nesta orde as familias deberán acreditar que se atopan nun dos seguintes supostos:
a) Supostos de necesidades puntuais que a continuación se relacionan: 1º. Enfermidade ou accidente da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual. 2º. Asistencia da persoa coidadora habitual a entrevistas de traballo ou cursos de formación que impidan a atención da nena ou neno. 3º. Situacións puntuais de carácter laboral da persoa coidadora habitual, que impidan a atención da nena ou neno. 4º. Situacións puntuais de coidado de familiares da nena ou neno ou da persoa coidadora habitual ata o segundo grao de parentesco por consanguinidade ou afinidade, sempre que impidan a atención da nena ou neno pola persoa coidadora habitual.
b) Necesidades de conciliación da vida persoal, familiar e laboral en períodos de vacacións escolares que se producen cando os centros educativos están pechados por vacacións, sempre que ambos os pais/nais, persoas titoras, acolledoras, gardadoras con fins adoptivos, pais/nais con custodia non compartida ou proxenitor de familia monoparental non poidan facerse cargo da atención da nena ou neno por motivos laborais.
A axuda consistirá nunha achega que pode acadar ata un máximo do 100 % do custo das actuacións previstas no artigo anterior no caso de familias numerosas, familias monoparentais, familias acolledoras, familias con garda con fins adoptivos, familias en que un ou varios fillos ou fillas conviventes teñan unha discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33 % ou familias vítimas de violencia de xénero, e ata un máximo do 75 % no resto dos casos, sempre cun límite:
a) De 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación dunha persoa empregada do fogar ou de servizos de atención á infancia a domicilio.
b) De 200 euros por cada nena ou neno no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade ou a campamentos ou outros recursos de conciliación colectivos especificamente organizados para a atención dos nenas e nenos nos períodos de vacacións escolares.
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes e comezará ás 9.00 horas do día 9 de setembro de 2026 e finalizará o día 9 de outubro de 2026, ás 14.00 horas.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260901/AnuncioG0762-180826-0001_gl.pdf