INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
RESOLUCIÓN do 11 de agosto de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a adquisición ou autopromoción de vivendas en concellos da Comunidade Autónoma de Galicia con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento VI501B).
Esta axuda ten por obxecto facilitar ás persoas mozas o acceso a unha vivenda en réxime de propiedade localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a súa adquisición.
Alternativamente, ten por obxecto facilitar ás ditas persoas a autopromoción dunha vivenda localizada nun concello con poboación residente igual ou inferior a 10.000 habitantes, mediante a concesión dunha subvención para a dita autopromoción.
Poderán beneficiarse destas axudas as persoas físicas maiores de idade que reúnan os seguintes requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
b) Ter menos de 36 anos no momento de solicitar a axuda. Non obstante, para o suposto de adquisición dunha vivenda, este requisito poderá concorrer no momento da subscrición do contrato privado ou da formalización da escritura pública de compravenda, cando esta se realice antes da publicación da correspondente convocatoria.
c) Que os ingresos anuais das persoas que compoñen a unidade de convivencia sexan iguais ou inferiores a 4,5 veces o IPREM. Este límite será de 5 veces o IPREM, se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %, e de 5,5 veces o IPREM, se na unidade de convivencia existen persoas cun grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 65 %.
d) Que a persoa solicitante e as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia se atopen ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non teñan pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
e) Que nin a persoa solicitante nin as demais persoas integrantes da súa unidade de convivencia estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de decembro, e no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
f) Que nin a persoa solicitante nin ningunha das persoas integrantes da súa unidade de convivencia sexan propietarias ou usufrutuarias dalgunha vivenda en territorio español. Para estes efectos, non se considerará que se posúe a propiedade ou o usufruto dunha vivenda se o dereito recae unicamente sobre unha parte alícuota desta e foi obtido por herdanza ou transmisión mortis causa sen testamento. Exceptuaranse deste requisito aquelas persoas que, sendo titulares dunha vivenda, acrediten non ter a súa dispoñibilidade por causa de separación ou divorcio, non poidan habitala por calquera outra causa allea á súa vontade ou cando a vivenda resulte inaccesible por razón de discapacidade da persoa solicitante ou de calquera membro da súa unidade de convivencia.
g) Que non se lles teña revogado, ou fosen obxecto dunha resolución de reintegro dunha axuda prevista no actual ou no anterior Plan estatal de vivenda, por incumprimento ou causa que lles fose imputable a aquelas.
Contía das axudas
1. A contía máxima da axuda será do 20 % do prezo de adquisición ou, de ser o caso, do custo da autopromoción da vivenda, sen incluír os gastos e tributos inherentes, cun máximo de 15.000 euros por vivenda.
2. No suposto de adquisición ou autopromoción por dúas persoas, o importe da axuda que puidese recibir a persoa beneficiaria determinarase aplicando a porcentaxe de cota de participación ao importe da axuda que lle correspondería, para o caso de ter adquirido ou construído o 100 % da vivenda.
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de novembro de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260819/AnuncioC3Q2-110826-0002_gl.pdf