O obxecto desta orde é establecer as bases e convocar axudas, en réxime de concorrencia competitiva, para realizar as actividades de formación, dirixidas á mellora das competencias en linguas estranxeiras do alumnado de distintos niveis dos centros docentes sostidos con fondos públicos en Galicia, durante o ano 2026
Nº de prazas: 647
Actividades de formación:
1. As actividades que se ofertan, cuxo contido se especifica en canto a número de prazas, destino e réxime de aloxamento no anexo IV, son actividades de formación para a mellora na competencia no uso de linguas estranxeiras.
2. O período de realización destas actividades comprenderá desde a segunda semana do mes de xullo ata finais do mes de agosto de 2026, coa excepción das actividades para o 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto.
As datas concretas de realización das actividades daranse a coñecer coa publicación das listaxes definitivas do alumnado seleccionado.
O custo total de cada actividade inclúe:
a) Os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.
b) As persoas monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
c) Os gastos de docencia e o material escolar.
d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
e) Os gastos de manutención e aloxamento.
f) O certificado de realización da actividade.
g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
Poderá solicitar a participación nas actividades que se ofertan e ser beneficiario/a destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:
a) Estar cursando, no réxime xeral ordinario, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2025/26, na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2024/25.
c) Ter acadado no curso 2024/25, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensino secundario obrigatorio para as prazas ofertadas para o 1º curso de bacharelato e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas ofertadas para o 2º curso de bacharelato.
d) Non ter concedida, neste curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.
e) Non estar incurso, nin o/a solicitante nin as persoas representantes/membros da unidade familiar, nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte.
As axudas poderán ser solicitadas polas persoas proxenitoras ou titoras legais, no caso do alumnado menor de idade, ou polo propio alumnado se é maior de 18 anos, sempre que conten con domicilio no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
A solicitude (anexo I) presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede. xunta.gal, código de procedemento ED504B.
Se precisas axuda desde o departamento de Xuventude do Concello da Estrada botámosche unha man; podes pasarte sen necesidade de cita previa polas nosas oficinas ou chamarnos ao teléfono 986 677 740 en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Prazo de presentación de solicitudes: 3 DE MARZO
LIGAZÓN DIRECTA AO PROCEDEMENTO: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=ED504B&ano=2026&numpub=1&lang=gl