imprimir

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA AXUDAS PARA IMPULSAR A FORMACIÓN DE MULLERES EN POSTOS DE TÉCNICAS OU ADESTRADORAS, XUÍZAS E ÁRBITRAS NO ÁMBITO DEPORTIVO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA O ANO 2025

BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS PARA IMPULSAR A FORMACIÓN DE MULLERES EN POSTOS DE TÉCNICAS OU ADESTRADORAS, XUÍZAS E ÁRBITRAS NO ÁMBITO DEPORTIVO NA PROVINCIA DE PONTEVEDRA PARA O ANO 2025

O obxecto desta convocatoria é fixar as bases reguladoras das axudas destinadas a financiar os estudos que dean acceso aos postos de técnicas ou adestradoras en clubs deportivos e de xuízas e árbitras nas diferentes modalidades deportivas.

Poderán beneficiarse das axudas desta convocatoria as mulleres nadas e residentes na actualidade nalgún dos concellos da provincia de Pontevedra ou as mulleres non nadas na provincia de Pontevedra pero empadroadas desde o 1 de xaneiro de 2025 nalgún dos concellos da provincia.

Non poderán obter a condición de persoas beneficiarias as solicitantes nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 13.2 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS), e 10.2 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

As persoas solicitantes declararán coa solicitude estar ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), coa Facenda galega, coa Seguridade Social e coa Deputación de Pontevedra.

Gastos subvencionables

Considerarase gasto subvencionable aquel que, de maneira indubidable, responda á natureza da finalidade subvencionada. Terán esta consideración:

• Os gastos de matrícula dos diferentes títulos oficiais que dan acceso, nas diferentes modalidades, aos postos de adestradora ou técnica, xuíza ou árbitra; estes poderán ser impartidos polas federacións deportivas (autonómicas ou estatais) ou polos diferentes centros de ensinanzas deportivas de réxime especial.

• Os gastos de matrícula das formacións federativas iniciadas en 2025 para obter o diploma que capacita para adestrar a deportistas en idade escolar e participar en competicións federativas.

A matrícula deberá ser realizada no 2025 e os estudos poderán rematarse no mesmo ano ou comprender o ano lectivo 2025/2026.

O prazo de presentación de solicitudes empezará a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio destas bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) e na Base de Datos Nacional de Subvencións, e finalizará o 15 de novembro de 2025.

https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2025/09/25/2025064093