AXENCIA INSTITUTO ENERXÉTICO DE GALICIA
RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, do procedemento de concesión de subvencións para proxectos de aforro e eficiencia enerxética nas empresas galegas, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 60 % no marco do programa Galicia Feder 2021-2027 (código de procedemento IN417Y).
Poderán acceder á condición de persoas beneficiarias destas subvencións:
a) As empresas legalmente constituídas e as persoas autónomas que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia.
b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.
Os investimentos só poderán ser subvencionados sobre a base dunha auditoría enerxética (no caso de actuacións de mellora de edificios, substituirase a auditoría enerxética polo certificado de eficiencia enerxética), cuxos resultados se plasmarán na memoria técnica da solicitude.
Serán subvencionables instalacións novas en que o aforro enerxético deberá xustificarse en relación coas instalacións de referencia que correspondan á práctica comercial normal no sector ou na actividade de que se trate.
Considéranse custos subvencionables: a elaboración dos proxectos técnicos, dirección facultativa e obra civil relacionados coas actuacións, o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como os sistemas de monitorización, contabilización e telexestión e as auditorías nos termos indicados no artigo 6.
A contía da subvención será do 35 % do custo subvencionable da actuación. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.
O prazo de presentación de solicitudes comezará o oitavo (8º) día hábil seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ás 9.00 horas, e finalizará o 15 de setembro de 2026, ás 20.00 horas.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260120/AnuncioG0474-161225-0001_gl.pdf