imprimir

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL CONVOCA AXUDAS AO INVESTIMENTO EN TECNOLOXÍAS FORESTAIS, PROCESAMENTO, MOBILIZACIÓN E COMERCIALIZACIÓN DE PRODUTOS FORESTAIS

AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan, por anticipado de gasto, para o ano 2026 en réxime de concorrencia competitiva as axudas aos investimentos en tecnoloxías forestais, procesamento, mobilización e comercialización de produtos forestais, no marco do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) (código de procedemento IN500A).

 Poderán ser persoas beneficiarias as microempresas, pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) do sector forestal radicadas en Galicia en relación cos investimentos realizados en zonas rurais de acordo cos criterios de localización establecidos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023‑2027 e descritos no anexo XIV, a excepción daquelas solicitantes que, aínda tendo o seu domicilio en áreas definidas como ZDP, soliciten investimentos non fixos para a realización de traballos no ámbito territorial do Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027.

Poderán ser subvencionables exclusivamente os seguintes investimentos elixibles:

Liña 1. Xestión forestal activa.

a) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta destinados á realización de cortas intermedias (desmestas e rareos), así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante. Entendendo por este tipo de maquinaria aquela que reúna as seguintes condicións:

i) Largura máxima de 2,75 metros e alcance mínimo do guindastre de 8 metros.

ii) Para maquinaria de rodas de: Peso máximo de 18,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 6 rodas. Peso máximo de 20,5 toneladas e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm. para máquinas de ata 8 rodas.

iii) Para maquinaria de cadeas: peso máximo de 21 toneladas, raio de xiro mínimo ou raio de xiro cero, e cabezal con diámetro máximo de corte de 600 mm.

iv) No caso de cabezais procesadores ou cortadores, estes deberán ser instalados en equipos propiedade da solicitante, e deberá acreditar que a máquina base onde se van instalar, cumpre as características definidas nesta liña de investimentos. Ao igual, que no punto anterior, os cabezais deberán ter un diámetro máximo de corte de 600 mm.

b) Autocargadores e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

Os autocargadores e tractocargadores, para a realización de carga e de transporte dos produtos obtidos nestas operacións, deberán dispor dunha capacidade máxima de carga de 12 toneladas e unha largura máxima de equipamento de 2,7 metros.

No caso de tractocargadores, deberán ter as cabinas homologadas para a aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción.

No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo. O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.

Liña 2. Madeira e biomasa.

a) Acondicionamento e instalacións en parques intermedios de rolla ou biomasa.

b) Autocargadores, arrastradores forestais e tractocargadores completos, estes últimos ata 200 Kw de potencia, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

Os tractocargadores deberán ter as cabinas homologadas para aplicación forestal conforme as normas de seguridade ROPS (ISO 8082-1 ou 8082-2 segundo corresponda), FOPS (ISO 8083:2006) e OPS (ISO 8084:2003), así como o asento xiratorio homologado para o xiro da persoa operaria sentada, proteccións forestais en cabina, rodas e baixos, e irán dotados de guindastre, cabrestante e remolque forestal de tracción. Estas adaptacións e estas normas exixiranse tamén aos tractores orientados á recollida ou aproveitamento comercial de biomasa.

c) Procesadoras, cortadoras e outros equipamentos de corta, así como as súas adaptacións e implementos, que deberán instalarse en equipamentos propiedade da solicitante.

d) Maquinaria específica, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da biomasa forestal no monte, esteladoras con capacidade de recollida, empacadoras, colleitadoras ou procesadoras de biomasa. Non terán consideración de maquinaria específica nin procesadora de biomasa os tractores con rozadoras ou con trituradoras forestais. No caso de equipos automotrices que dispoñan dun motor térmico de combustión, tales como procesadoras, cortadoras, autocargadores, tractocargadores, arrastradores, astilladores automotrices, etc. deberán dispor dun sistema automático de detección e extinción de lumes no equipo.

O sistema de extinción deberá empregar un elemento de extinción efectivo en lumes de líquidos inflamables, como gasóleo ou aceites hidráulicos, e deberá non ser corrosivo, ser biodegradable, e permitir unha limpeza fácil da máquina tras a súa activación.

Liña 3. Castaña e resina.

a) Maquinaria específica, equipamentos, apeiros e implementos que permitan un aproveitamento comercial da castaña ou da resina no monte.

b) Acondicionamento e instalacións de parques intermedios de almacenamento e/ou clasificación.

c) Bens de equipo e instalacións en empresas de recollida, manexo, clasificación, acondicionamento e comercialización de castaña ou resina.

Liña 4. Valor engadido na primeira transformación da madeira.

a) Equipos portátiles para a clasificación estrutural da madeira por métodos non destrutivos, sempre que dispoñan de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.

b) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática da madeira estrutural mediante aspectos visuais ou indirectos. No caso de métodos indirectos deberá dispoñerse de documentación/estudos para a análise das especies empregadas pola empresa. A empresa deberá dispor, ou estar en proceso de obter no prazo máximo dun ano, a implantación do marcado CE para madeira estrutural.

c) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á clasificación automática por calidade tanto da materia prima (troncos) como de produtos serrados intermedios ou finais, mediante a aplicación de escáneres de imaxe, dimensionais, raios X, e outros tipos. O emprego desta instalación deberá xustificar a obtención dunha clasificación da madeira con un maior valor engadido.

d) Maquinaria e instalacións de primeira transformación destinadas á obtención de produtos de maior valor engadido baseados na madeira serrada, e que permitan abrir novas liñas de negocio á empresa.

e) Acondicionamento, maquinaria e instalacións de primeira transformación para o procesamento da biomasa forestal e a transformación da madeira.

Liña 5. Medición, rastrexabilidade e caracterización da madeira obxecto de aproveitamento.

a) Equipos de medición de inventario forestal de carácter dixital ou analóxico, sensores lidar terrestre e vehículos aéreos non tripulados e os seus accesorios, como cámaras ou lidar, entre outros.

b) Básculas sensorizadas para parques ou cargadoiros intermedios de madeira.

c) Equipos portátiles de ultrasóns (MST, MTG, PLG…etc.), resistógrafos, penetrómetros, lupas binoculares , higrómetros, estufas ou balanzas de laboratorio de precisión.

Serán elixibles os custos ligados ao funcionamento dos aparellos e equipos descritos, tanto os custos de subscrición a software (admitirase só o gasto do período de subscrición durante o período de execución da axudas) como das licenzas de software para o uso da solución obxecto das actuacións realizadas, excluíndo o software de propósito xeral, por exemplo, sistemas operativos, aplicacións de xestión/monitoraxe de redes/sistemas, paquetes de ofimática, correo electrónico, edición e tratamento de imaxes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260219/AnuncioG0520-280126-0003_gl.pdf