imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA ES-TRANSFORMA EN COOPERATIVAS OU SOCIEDADES LABORAIS

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 3 de xuño de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras do programa ES-Transforma en cooperativas ou sociedades laborais e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa ES-Transforma, de apoio á transformación en cooperativas ou sociedades laborais dos negocios sen remuda xeracional, de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís, e das persoas traballadoras autónomas, que xa estivesen a exercer unha actividade económica, e se procede á súa convocatoria para a anualidade 2026 (código de procedemento TR802R).

Entidades beneficiarias e condicións para a obtención do incentivo

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas creadas nos tres anos anteriores á data da presentación da solicitude, mediante algún dos procesos que se detallan a continuación:

a) Constitución por ausencia de remuda xeracional: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultaren extinguidos por causa de crise, xubilación, incapacidade permanente ou falecemento da súa persoa empregadora (entendéndose como tal as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).

b) Constitución por persoas autónomas: Constitución dunha sociedade laboral ou dunha cooperativa, debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude, que estean integradas na súa totalidade por persoas traballadoras autónomas que xa estivesen a realizar unha actividade laboral e, polo tanto, estean en situación de alta no correspondente réxime de persoas traballadoras autónomas da Seguridade Social ou na mutualidade do colexio profesional.

c) Constitución por transformación:

c.1) Transformación de todo tipo de sociedades, incluídas as cooperativas xuvenís, en cooperativas ou sociedades laborais debidamente inscritas no rexistro correspondente na data da solicitude.

Esta transformación acordaraa a xunta ou asemblea xeral, ou acordarase mediante sistema válido equivalente para expresar a vontade social, coa maioría exixida pola súa lexislación aplicable, que se fará constar en escritura pública de transformación que expresará necesariamente o cumprimento de todos os requisitos exixidos pola lexislación para a constitución da cooperativa ou da sociedade laboral. Achegarase esta escritura pública de transformación xunto coa acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

c.2) Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte, fundamentalmente, das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social e de transformación nunha sociedade laboral ou nunha cooperativa logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral, ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa. A transformación en cooperativa ou sociedade laboral deberá estar debidamente inscrita no rexistro correspondente na data da solicitude.

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas á presentación de documentos, das contas anuais e a inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes no momento de presentación da solicitude.

e) Acreditación da formalización da constitución ou da transformación cuxa data de inscrición no rexistro correspondente debe ser anterior á data de presentación da solicitude, segundo a documentación complementaria requirida no artigo 11.1.

Contía das axudas

1. A contía da axuda será equivalente ao 80 % do custo total dos gastos subvencionables para o caso de sociedades laborais e cooperativas constituídas por ausencia de remuda xeracional, previsto no artigo 5.1.a).

A contía da axuda será equivalente ao 60 % do custo total dos gastos subvencionables para os casos de sociedades laborais e cooperativas constituídas por persoas autónomas ou por transformación doutras entidades, previstos no artigo 5.1.b) e 5.1.c).

A contía da axuda polos conceptos subvencionables do artigo 6 terá os seguintes límites:

• 4.000 € para o gasto incluído no concepto 1 do artigo 6.

• 5.000 € para cada un dos gastos incluídos nos conceptos 2, 3, 4 e 5 do artigo 6.

• 8.000 € e 12 mensualidades, como máximo, para o alugamento do centro de traballo, incluído no concepto 13 do artigo 6.

• 500 €, como máximo, para os seguros de responsabilidade civil e responsabilidade civil de explotación no seu conxunto, incluídos no concepto 14 do artigo 6.

O límite máximo das axudas para os gastos subvencionables especificados no artigo 6 establécese en 30.000 € por entidade beneficiaria. No caso de que se solicite unha contía superior, concederase o importe de axuda de acordo coa orde de prelación dos gastos establecida no artigo 6 desta orde.

O prazo de presentación das solicitudes comezará o quinto día hábil posterior ao día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 15 de setembro de 2026, agas que se produza o suposto de esgotamento do crédito orzamentario.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260623/AnuncioG0767-110626-0001_gl.pdf