INSTITUTO GALEGO DA VIVENDA E SOLO
RESOLUCIÓN do 17 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras do Programa de avais para a adquisición de vivenda, se dá publicidade ao convenio que asinarán entre este instituto e as entidades financeiras para a súa concesión e se procede á convocatoria do programa para o ano 2025 (código de procedemento VI402B).
O Programa de avais ten por obxecto prestar unha cobertura temporal e financeira, de carácter persoal, para a adquisición da primeira vivenda por aquelas persoas que, na data de presentar a correspondente solicitude, teñan menos de trinta e seis anos. O límite de idade non será de aplicación no caso de tratarse da adquisición dunha vivenda cualificada definitivamente como vivenda de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado.
Requisitos para poder ser persoa beneficiaria do programa
1. Para poder ser beneficiaria do programa é preciso que na data da presentación da solicitude se cumpran os seguintes requisitos:
a) Que a persoa solicitante, que deberá ser quen vaia adquirir a vivenda, posúa a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea. En caso de persoas estranxeiras provenientes de países terceiros, estes deberán contar con autorización de estadía ou residencia en España. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
b) Que a persoa solicitante sexa maior de idade e teña menos de trinta e seis anos no momento da presentación da solicitude. No suposto de que a vivenda se adquira por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito. O límite dos trinta e seis anos non será de aplicación cando se trate da adquisición dunha vivenda protexida.
c) No suposto de que se trate da adquisición dunha vivenda protexida, ser adquirente ou adxudicataria, en primeira ou sucesivas transmisións, e ter acreditado no correspondente expediente o cumprimento dos requisitos de acceso a unha vivenda protexida exixidos pola normativa reguladora destas vivendas.
d) Que a persoa solicitante estea empadroada en Galicia. No suposto de que a vivenda sexa adquirida por máis dunha persoa, todas elas deberán cumprir este requisito.
e) Que a persoa solicitante dispoña duns ingresos mínimos de 2 veces o IPREM e uns ingresos máximos de 5,5 veces o IPREM. A devandita porcentaxe máxima será do 6,5 veces o IPREM, se a vivenda é adquirida por máis dunha persoa. Nestes casos, os límites de ingresos mínimos e máximos sinalados aplicaranse tendo en conta a suma dos ingresos de todas as persoas adquirentes da vivenda.
2. Así mesmo, para a obtención do aval é preciso que concorran os seguintes requisitos:
a) Que a vivenda para a cal se outorga a garantía estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia e vaia ser destinada a residencia habitual e permanente da/das persoa/s adquirente/s durante, cando menos, todo o período en que estea vixente a garantía.
b) No suposto de adquisición dunha vivenda protexida, a vivenda debe ter sido cualificada definitivamente como vivenda protexida de protección autonómica de réxime xeral, especial ou concertado na data de publicación da correspondente convocatoria.
c) Que o prezo de adquisición da vivenda, sen os gastos e tributos correspondentes, non supere os prezos indicados a continuación, segundo a zona territorial do concello en que se localice a vivenda, de conformidade co anexo II:
– Concellos correspondentes ao ámbito territorial de prezo máximo superior: 260.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 1: 210.000 euros.
– Concellos correspondentes á zona territorial 2: 180.000 euros.
O importe máximo dos avais que poderán contar coa garantía do IGVS con cargo á anualidade 2025 será de cinco millóns de euros (5.000.000,00 €).
Poderán acollerse a este programa todas as operacións de financiamento de adquisición de vivenda, con garantía hipotecaria sobre a vivenda cuxa adquisición se está financiando, coa condición de que as ditas operacións de financiamento queden dentro dos parámetros e límites fixados no Programa de avais para adquisición de vivenda.
En virtude do previsto neste convenio e para cada operación de financiamento cuberta por el, o IGVS avalará fronte á entidade financeira, como máximo, o 20 % do prezo da compravenda, ou do valor de taxación, se este fose inferior, salvo que o importe da operación de financiamento sexa inferior, suposto en que a garantía prestarase ata un 20 % do importe da operación de financiamento con garantía hipotecaria.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250319/AnuncioC3Q2-130325-0001_gl.pdf