imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS DE EMPREGO DE BASE TECNOLÓXICA

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 2 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento TR340E)

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2025 dos incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica, coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As axudas destínanse a sufragar as accións e os gastos establecidos en cada modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan nesta orde para cada modalidade de axuda.

Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa lles corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e as condicións establecidos nesta orde para cada modalidade de axuda.

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas dentro do primeiro ano de actividade:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

c) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

d) Apoio á función xerencial.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará aos sete días naturais contados desde o día da súa publicación e rematará o 30 de setembro de 2025.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250415/AnuncioG0767-030425-0001_gl.pdf