CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN
ORDE do 30 de maio de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para a promoción da artesanía galega e o fomento da súa comercialización, e se convocan para o ano 2025 (código de procedemento IN201G).
Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas e que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1. Titulares de obradoiros artesanais, xa sexan persoas físicas ou xurídicas e comunidades de bens, inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. No caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o mesmo día en que presenten a solicitude de subvención.
2. Concellos da Comunidade Autónoma de Galicia. Os concellos deberán cumprir co deber de remisión das contas xerais de cada exercicio ao Consello de Contas, nos termos previstos no artigo 4 do Decreto 139/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Primaranse aqueles concellos que coordinen as súas solicitudes e compartan ou mancomunen obras ou servizos, dando cumprimento así ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.
3. Asociacións profesionais e empresariais de artesás/áns de Galicia legalmente constituídas das cales cando menos o 80 % dos seus membros, cun mínimo de 10, figuren inscritos como obradoiros artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.
A intensidade da axuda será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído) co límite máximo de 8.000,00 € de axuda para o conxunto das actuacións definidas no punto 2 deste artigo. 2.
Considéranse actuacións subvencionables a participación como expositora/or en feiras ou eventos de interese artesanal, nacionais ou internacionais:
a) Feiras ou eventos profesionais de interese comercial para o sector artesanal. A axuda concederase unicamente para a participación en feiras/eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 500,00 €. Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 6 feiras ou eventos cun importe máximo de 3.000,00 € de axuda por feira/evento.
b) Feiras ou outros eventos non profesionais de venda directa de produtos artesanais. A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras/eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €. Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 6 feiras ou eventos cun importe máximo 850,00 € de axuda por feira/evento.
c) Feiras ou eventos profesionais e non profesionais do período do Nadal 2024/25. A axuda concederase unicamente para a asistencia a feiras ou eventos cuxo investimento subvencionable (sen IVE) sexa igual ou superior a 400,00 €. Cada titular de obradoiro poderá solicitar ata 3 feiras/eventos cun importe máximo de 1.500,00 € de axuda por feira/evento.
O prazo para presentar as solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250617/AnuncioG0767-020625-0002_gl.pdf