BASES REGULADORAS E CONVOCATORIA DO ANO 2025 DO PROGRAMA DE AXUDAS MUNICIPAIS Á CREACIÓN DE EMPRESAS
A presente disposición ten por obxecto fixar as bases reguladoras e convocar as axudas municipais para o fomento da creación de empresas no Concello da Estrada para o ano 2025.
Poderán acollerse a estas axudas o empresariado individual e as pequenas e medianas empresas (pemes), independentemente da súa forma xurídica, que iniciasen a súa actividade empresarial entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2024 (enténdese por inicio da actividade a alta no imposto de actividades económicas -IAE-).
Requisitos xerais:
1. Que a empresa teña o seu domicilio fiscal e social na Estrada.
2. Que a empresa sexa viable técnica, económica e financeiramente.
3. Que sexa unha empresa de nova creación dentro dos tres sectores produtivos. Considéranse incluídos neste concepto os traspasos de negocios que non teñan vinculación familiar.
4. Que nin a empresa nin ningunha das súas persoas socias teñan débedas coa Seguridade Social, coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) nin co Concello da Estrada.
As axudas son a fondo perdido e a súa finalidade é subvencionar parte dos gastos da posta en marcha e do funcionamento da empresa. O importe máximo destas axudas é de 2 000 € por empresa e a axuda non poderá superar a contía total do investimento inicial realizado polas persoas promotoras.
O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación das presentes bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
PRAZO: 2 DE MAIO
BASES: https://boppo.depo.gal/web/boppo/detalle/-/boppo/2025/04/15/2025022959
Se precisas axuda para resolver algunha dúbida ou tramitar a subvención, ponte en contacto co departamento de emprego chamando ao teléfono 986 677 740 ou pasándote directamente polas nosas oficinas, sen necesidade de cita previa, en horario de 9.00 a 14.00 horas