imprimir

XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA BONOS ACTIVA COMERCIO 2025 E ABRE PRAZO PARA A ADHESIÓN DOS COMERCIOS

25. 05. 19

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 30 de abril de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión no ano 2025 das axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, e se procede á apertura do prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión no ano 2025 das axudas do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio.

Así mesmo, por medio desta orde procédese á apertura do prazo de adhesión dos comercios interesados (código de procedemento CO301B)

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos.

Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada de acordo cos seguintes criterios:

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €.

Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Persoas beneficiarias 

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 desta orde. 

Sistema de funcionamento dos bonos

1. A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio. gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

2. Para trocar os bonos e poder facer efectivos os descontos ás persoas usuarias, os/as comerciantes terán que descargar no seu móbil a aplicación Bonos Activa Comercio.

3. No momento da compravenda, os/as comerciantes terán que introducir na app o importe e o concepto da venda, e aparecerá automaticamente o importe que se vai cobrar (unha vez aplicado o desconto). O concepto da venda introducido na app debe corresponderse coa numeración do tícket ou factura de compra entregada á clientela. Pola súa banda, as persoas usuarias deberán mostrar o seu bono en formato código QR e pagar, en efectivo ou con tarxeta, o importe final da compra realizada.

4. Os bonos descargados poderanse utilizar ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.

Os bonos estarán dispoñibles na web http://www.bonosactivacomercio.gal/ para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 4 de xuño de 2025, ás 9.00 horas, ata que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000 €.

A adhesión ao programa bonos Activa comercio será única para todas as edicións do programa que se convoquen no ano 2025. O prazo de adhesión comprenderá desde o día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 15 de decembro de 2025 ou, no seu caso, ata o esgotamento do crédito da última edición convocada.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250519/AnuncioG0767-020525-0001_gl.pdf

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250603/AnuncioG0767-200525-0003_gl.pdf