imprimir

COMO SOLICITAR O CERTIFICADO DE FAMILIA MONOPARENTAL/MONOMARENTAL ANTE A XUNTA DE GALICIA

26. 01. 14

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E IGUALDADE

ORDE do 5 de xaneiro de 2026 pola que se establece e se habilita na sede electrónica da Xunta de Galicia o procedemento de solicitude do certificado de familia monoparental (código de procedemento BS427A).

Esta orde ten por obxecto habilitar o procedemento administrativo de prazo aberto que permita a presentación das solicitudes do certificado de familia monoparental por medios electrónicos.

Requisitos

1. Os núcleos familiares compostos por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou fillas ao seu cargo terán a consideración de familia monoparental nos seguintes supostos:

a) As mulleres ou os homes  que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.

c) As familias formadas por un pai ou unha nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

2. Equipáranse aos/ás fillos/as:

a) As persoas unidas ao único proxenitor ou proxenitora por razón de tutela ou acollemento.

b) O concibido ou a concibida, sempre que mediante a aplicación desta asimilación se obtivese maior beneficio.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo I, a seguinte documentación:

a) Anexo II, de comprobación de datos de terceiras persoas, debidamente cuberto e asinado por todos os demais membros que compoñen a familia monoparental.

b) Copia do/s libro/s de familia en que consten todas as persoas ou certificación de nacemento do rexistro civil de cada un dos/das fillos/as que forman parte da unidade familiar, no caso de tratarse da primeira solicitude.

c) Informe médico asinado por unha persoa colexiada na Comunidade Autónoma de Galicia, que acredite que se iniciou a semana 21 de embarazo na data de presentación da solicitude, data previsible do parto e número de fetos, agás que se trate de xestantes que sigan o embarazo no Sistema público galego de saúde (Servizo Galego de Saúde-Sergas), só cando proceda.

d) Xustificante de estar estudando no momento da solicitude, no caso de fillos ou fillas maiores de 21 anos, ata os 25 anos.

e) Copia do certificado de defunción do/da outro/a proxenitor/a, de ser o caso e no caso de tratarse da primeira solicitude.

f) Copia do certificado de discapacidade ou solicitude de revisión de grao dos/das fillos/as, cando proceda e só no caso de que fose emitido por outra Comunidade Autónoma.

g) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio ou da resolución xudicial que estableza medidas paterno-filiais dos fillos/as comúns nas unións de feito e/ou do convenio regulador, cando proceda, ou calquera outro medio válido en dereito que permita acreditar as ditas medidas, no caso de tratarse da primeira solicitude.

h) Copia da resolución xudicial ou administrativa que declare a tutela, adopción ou o acollemento familiar da/das persoa/as menor/es, de ser o caso, cando se trate de procedementos formalizados fóra da Comunidade Autónoma.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260114/AnuncioG0762-050126-0004_gl.pdf