XUNTA DE GALICIA CONVOCA 643 BOLSAS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE FORMACIÓN EN LINGUAS ESTRANXEIRAS DESTINADAS AO ALUMNADO DOS CENTROS DOCENTES SOSTIDOS CON FONDOS PÚBLICOS

23. 02. 13

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 18 de xaneiro de 2023 pola que se convocan axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2023, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, escolarizado nos cursos 2021/22 e/ou 2022/23, en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento ED504B).

Convócanse un total de 643 axudas que se distribuirán do seguinte modo:

– 491 axudas para a realización das actividades de formación en linguas estranxeiras previstas e non realizadas no ano 2022 (inglés en Canadá, inglés no Reino Unido, francés en Francia, portugués en Portugal), establecidas na orde desta consellería, do 11 de xaneiro de 2022, pola que se convocaron axudas para a realización de actividades de formación en linguas estranxeiras no ano 2022, destinadas ao alumnado dos centros docentes sostidos con fondos públicos, en réxime de concorrencia competitiva (en diante, prazas de cota de reserva).

– 152 axudas para a cota xeral (en diante, prazas de cota xeral). Nesta convocatoria, no caso de que queden prazas vacantes da cota de reserva, estas acumularanse ás prazas da cota xeral.

O período de realización destas actividades comprenderá desde a primeira semana do mes de xullo ata finais do mes de agosto de 2023, coa excepción das actividades para o 2º curso de bacharelato, que se desenvolverán no mes de agosto.

O custo total de cada actividade inclúe:

a) No caso das actividades que se van realizar, os gastos da viaxe desde o punto de saída dos distintos grupos.

b) Os monitores ou as monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.

c) Os gastos de docencia e o material escolar.

d) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.

e) Os gastos de mantenza e aloxamento.

f) O certificado de realización da actividade.

g) O seguro de accidentes e de responsabilidade civil.

Persoas beneficiarias e requisitos

Para prazas da cota de reserva: Poderá solicitar a participación nesta convocatoria, mediante confirmación a través de https://www.edu.xunta.gal/axudasle/, o alumnado ao que lle correspondería praza na convocatoria de 2022, seguindo os criterios de selección e ata o máximo das prazas ofertadas establecidas na Orde do 11 de xaneiro de 2022, das axudas correspondentes á realización das actividades de formación en linguas estranxeiras previstas e non realizadas no ano 2022 (inglés en Canadá, inglés no Reino Unido, francés en Francia, portugués en Portugal). Finalizado o proceso, e rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Consellería de de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades enviará unha notificación á persoa beneficiaria a través do sistema Notifica.gal. A persoa beneficiaria deberá confirmar a lectura da notificación electrónica no prazo de 10 días hábiles. A non confirmación de lectura da notificación electrónica, no anterior prazo de 10 días, realizada a través de Notifica.gal, entenderase como renuncia da axuda.

Para prazas da cota xeral: 1. Poderá solicitar a participación nas actividades convocadas e ser beneficiario destas axudas o alumnado que cumpra os seguintes requisitos:

a) Estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de bacharelato, en centros sostidos con fondos públicos, durante o curso 2022/23, na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ter superadas todas as áreas ou materias no curso 2021/22.

c) Ter acadado no curso 2021/22, na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía, unha cualificación mínima de 6 no 4º curso de ensinanza secundaria obrigatoria para as prazas convocadas para o 1º curso de bacharelato, e de 6 no 1º curso de bacharelato para as prazas convocadas para o 2º curso de bacharelato.

d) Non ter concedida, no presente curso académico, outra axuda coa mesma finalidade.

e) Non estar incurso nas prohibicións para obter a condición de beneficiario, recollidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Estar en posesión do documento nacional de identidade (en diante, DNI), número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE) ou pasaporte.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230213/AnuncioG0655-200123-0001_gl.pdf