Actividades

21. 01. 26
 
Conscientes da importancia de fomentar unha actitude positiva cara ao autoemprego e o mundo do emprendemento no sector máis xove da poboación coa finalidade de acadar unha ocupación total dos espazos ofertados no Viveiro de Empresas no prazo máximo de 24 meses, estruturarase o traballo en tres fases de actividade:
 
1) FASE PREVIA (de creación):
 
Esta fase de traballos previos e de creación comezaría cronoloxicamente co desenvolvemento das primeiras actividades de formación e divulgación e remataría coa posta en marcha do proceso de selección e admisión dos primeiros “viveiristas” e a súa entrada no Viveiro de
Empresas.
 
• Estandarización da utilización da imaxe corporativa do Viveiro de Empresas: Coa finalidade de amplificar ao máximo o coñecemento da existencia do Viveiro de Empresas, establecerase a obrigatoriedade de utilización da imaxe corporativa do viveiro en todos os soportes, recursos e comunicacións que se empreguen en relación a este proxecto por parte da Concellería de Promoción Económica e a Fundación
Cultural da Estrada. A imaxe corporativa deberá implementarse tamén na sinalética do propio edificio do Novo Mercado, informando da existencia do Viveiro de Empresas na entrada da planta baixa e no recinto que ocupa no primeiro andar.
 
• Gabinete de comunicación: A divulgación da oferta de servizos do Viveiro de Empresas constitúe a clave do éxito da estratexia para a ocupación da decea de espazos de traballo que se ofertarán na primeira convocatoria pública. Por iso, é necesario, dacordo coa política de comunicación do Concello da Estrada, o desenvolvemento das funcións propias dun gabinete de prensa.
 
• Conferencias e/ou micro-obradoiros sobre emprendemento: A organización a curto prazo de alomenos dúas conferencias, charlas ou micro-obradoiros sobre emprendemento para aquelas persoas potencialmente interesadas en asentar o seu proxecto empresarial (de nova creación ou en funcionamento) no Viveiro de Empresas deberá marcar un dos puntos de arranque do proxecto.
 
• Visita guiada ás instalacións do Viveiro de Empresas: O coñecemento das instalacións do Viveiro de Empresas do Novo Mercado será un factor decisivo para os emprendedores e empresas á hora de solicitar os espazos dispoñibles. Por iso, proponse organizar a través da Concellería de Promoción Económica e a Fundación Cultural unha xornada de portas abertas con visita guiada a ditas instalacións para que os 
potenciais usuarios poidan familiarizarse coas mesmas e coñecer a gama de servizos que se ofrecerán.
 
• Xornadas de dinamización económica sobre novas oportunidades de negocio e sectores con futuro:
Esta iniciativa formativa está orientada tanto aos potenciais emprendedores como ás empresas xa existentes e ao alumnado dos centros educativos de ensinanza secundaria e formación profesional. Para a súa organización proponse contar con profesionais e expertos de servizos públicos como o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), por exemplo, ou con poñentes de relevancia procedentes do sector privado.
 
• Elaboración dunha enquisa sobre a actitude emprendedora: O colectivo da xuventude en xeral e, en especial, os estudiantes de Secundaria, Formación Profesional e mesmo de titulacións universitarias son o caldo de cultivo preferente para converterse no futuro próximo en emprendedores e, polo tanto, ser persoas potencialmente interesadas en acubillar os seus proxectos empresariais no Viveiro do Novo Mercado.
Por tal motivo, plantéxase a necesidade de realizar unha enquisa sobre a súa actitude emprendedora e sobre os servizos que demandan do Viveiro de Empresas ao fin de adaptar e conxugar o mellor posible a oferta e a demanda.
 
• Campaña publicitaria de difusión: Como complemento ao labor comunicativo do gabinete de prensa, proponse levar a cabo unha campaña publicitaria nos medios máis relevantes de ámbito local para dar a coñecer a posta en marcha do Viveiro de Empresas e o lanzamento do proceso para a ocupación dos espazos. Esta campaña poderase desenvolver tanto nos medios impresos como audiovisuais
(radio e televisión) e dixitais.
 
2.-  FASE OPERATIVA (de funcionamento):
 
Considérase que a fase operativa e de funcionamento comeza coa ocupación do Viveiro por parte das empresas e emprendedores seleccionados na primeira convocatoria e as actividades a desenvolver terán como principal finalidade divulgar a actividade do Viveiro e acadar a  ocupación plena dos espazos ofertados se aínda quedasen algúns dispoñibles. Entre as actividades a desenvolver nesta etapa destácanse as seguintes:
 
• Mantemento do Gabinete de comunicación: Nesta fase de funcionamento, o labor do gabinete de prensa de prensa centrarase, entre
outros cometidos, nos seguintes:
- Comunicación da resolución do proceso de selección e admisión e presentación das empresas.
- Comunicación de fitos de xestión e actividade das empresas “viveiristas”.
- Presentación de balances de emprego xerado e actividade económica por parte das empresas instaladas no Viveiro.
 
• Evento de inauguración formal do Viveiro de Empresas: Nesta fase operativa proponse organizar un evento de inauguración formal do Viveiro de Empresas como fórmula para darlle unha maior visibilidade pública ás empresas que o conforman e aos seus obxectivos comerciais, así como acción de promoción para a ocupación plena dos espazos de traballo se tras a primeira convocatoria aínda quedasen espazos dispoñibles.
 
• Elaboración dunha páxina web: No proceso de funcionamento e divulgación da actividade do Viveiro antóllase imprescindible a elaboración dunha páxina web que responda a un triple obxectivo: por unha parte, informar das condicións de acceso aos emprendedores e empresas potencialmente interesadas nas novas convocatorias para a selección de “viveiristas”; en segundo lugar, dar a coñecer a oferta de espazos e servizos dispoñibles, de ser o caso; e en terceiro lugar, promocionar a actividade comercial dos “viveiristas” xa instalados.
 
• Servizos de información, formación e asesoramento.
 
3.- FASE DE IMPULSO (de dinamización):
 
Enténdese que esta fase de impulso e dinamización do Viveiro de Empresas comeza cronoloxicamente ao mesmo tempo que a fase operativa e solapará coa mesma as súas actividades a medio e longo prazo (de 1 a 3 anos) coa finalidade de conseguir que a rotación de empresas
acubilladas no Viveiro sexa posible.
 
• Mantemento do labor do gabinete de prensa
 
• Creación da Escola Municipal de Emprendedores: Esta iniciativa divulgativa e formativa, de modalidade presencial, está orientada aos emprendedores e emprendedoras do Concello da Estrada que conten cunha idea de negocio e que desexen realizar un proxecto viable de creación de empresa para a súa posterior posta en marcha. Con ela, perséguense os seguintes obxectivos:
- Instruír aos participantes para que sexan capaces de elaborar un plan de negocio que sirva como unha simulación o máis realista posible do futuro proxecto de empresa.
- Reforzar e consolidar o coñecemento da iniciativa empresarial a por en marcha, de cara a minimizar o risco e poder atopar respostas ou alternativas a cada cuestión por decidir.
 
• Creación do Premio ao Emprendemento na Estrada: A creación deste premio ten como obxectivo contribuír á dinamización do emprendemento no Concello da Estrada, apoiando e dándolle visibilidade e recoñecemento público ás empresas locais de nova creación capaces de desenvolver proxectos innovadores, sostibles economicamente e con aplicabilidade e potencial utilización no mercado.