Consellería de Emprego e Igualdade
ORDE do 26 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa I microempresas, de mantemento do emprego e a actividade económica das microempresas de Galicia máis afectadas pola COVID-19 (TR400B), e do Programa II hostalaría, de apoio ao sector da hostalaría (TR400C), e se procede á súa convocatoria para 2020.

– Programa II hostalaría: axudas ao sector da hostalaría cun orzamento de 17.000.000 €, con cargo aos fondos finalistas e propios do Estado e fondos propios.

Obxecto
Este programa ten por obxecto apoiar as persoas traballadoras autónomas persoa física ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, as pemes, calquera que sexa a súa forma xurídica e que pertenzan ao sector da hostalaría e que se vexan afectadas polo peche conforme a normativa ditada polas autoridades sanitarias.

Beneficiarias
Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas persoa física, ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas, as pemes do sector de hostalaría; tamén se consideran dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos que cumpran estes requisitos:
– Ter domicilio fiscal en Galicia.
– Estar afectado polos supostos de peche do establecemento ou de peche perimetral do concello en que se sitúen os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ditados pola autoridade sanitaria da Xunta de Galicia nas ordes que se relacionan:
• Orde da Consellería de Sanidade do 7 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nas comarcas de Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Valdeorras e Verín, na provincia de Ourense (DOG núm. 203-bis, do 7 de outubro).
• Orde da Consellería de Sanidade do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 223-bis, do 4 de novembro).
• Orde da Consellería de Sanidade do 8 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-bis, do 13 de novembro).

• Orde da Consellería de Sanidade do 13 de novembro de 2020 pola que se modifica a Orde do 4 de novembro de 2020 pola que se establecen medidas de prevención específicas como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 230-bis, do 13 de novembro).
Ou en calquera outra orde ou disposición ditada pola autoridade sanitaria da Comunidade Autónoma de Galicia nesta materia ata o remate do prazo de solicitudes.

Ter pechada a actividade durante un mínimo de dúas semanas. Entenderase que está afectado polo peche aquela actividade económica que non permita o consumo dos clientes dentro do establecemento ou nas súas terrazas.

Importe das axudas
A axuda por establecemento será de 1.500 € por mes de paralización da actividade, desde o mes de outubro, cun mínimo de dúas semanas, aplicándose neste caso a parte proporcional por períodos de dúas semanas. Neste sentido, os que teñen paralizada a actividade dúas semanas recibirán 750 €.

No caso dos establecementos que ocupen 10 persoas traballadoras ou máis de 10 (pemes) percibirán a cantidade de 2.000 € por mes paralizado, desde o mes de outubro, cun mínimo de dúas semanas, aplicándose neste caso a parte proporcional. Neste sentido, os que teñen paralizada a actividade dúas semanas recibirán 1.000 €.

As axudas serán por establecemento paralizado, podendo ter a persoa ou entidade beneficiaria máis dun establecemento con dereito a axuda.
Para o cálculo das semanas pechadas terase en conta o tempo que estivo nesa situación ata o momento da presentación da solicitude de axuda.

Para maior información poden chamar ao teléfono 900 81 56 00 ou na web http://www.oficinadoautonomo.gal/.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, cumprindo o disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, que establece un período mínimo dun mes.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20201127/AnuncioG0599-261120-0001_gl.pdf