CONVOCATORIA DAS AXUDAS ESTATAIS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á MOBILIDADE ELÉCTRICA (PROGRAMA MOVES III)

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de Incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible (en diante, Adquisición de vehículos eléctricos).

Programa de incentivos 2. Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

Serán beneficiarios/as os/as suxeitos/as que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da comunidade autónoma de Galicia (para o Programa de incentivos 2 considerase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia). En concreto, os seguintes:

1º. As persoas físicas que desenvolvan actividades económicas, polas que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, en cuxo caso haberán de estar dados de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2º. As persoas físicas maiores de idade, a excepción dos casos de discapacidade, que poderán ser menores de idade, con residencia fiscal en España e non incluídas no anterior punto.

3º. As comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que deberán cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e en particular, co establecido no seu artigo 11.3.

4º. As persoas xurídicas, validamente constituídas en España no momento de presentar a solicitude, e outras entidades, con ou sen personalidade xurídica, cuxo número de identificación fiscal (NIF) comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, R ou W. Tamén serán elixibles as entidades de conservación de polígonos ou sociedades agrarias de transformación cuxo NIF comece por V.

5º. As entidades locais, conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o sector público institucional de calquera administración públicas que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sempre que non exerzan actividades económicas polas que ofrezan bens e servizos no mercado en cuxo caso se considerarán incluídas no anterior ordinal 4º.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará ás 9.00 horas do día 13 de setembro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210805/AnuncioG0474-230721-0002_gl.pdf