XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA DE APOIO Á RECUPERACIÓN DE NEGOCIOS EN CRISE OU SEN REMUDA XENERACIONAL MEDIANTE FÓRMULAS DE ECONOMÍA SOCIAL

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento TR802R).

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional, mediante formulas de economía social, destinadas a remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo de COVID-19 e a impulsar a actividade económica, e proceder á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento TR802R).

As axudas previstas nesta orde financiase con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

Entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, xurdidas de sociedades de capital, sociedades civís, asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica ou persoas autónomas preexistentes, a través dun proceso de transformación encadrable nalgún dos procesos que se detallan a continuación:

a) Procesos de adquisicións de activos de sociedades mercantís de capital nun proceso regulado de disolución e liquidación societario (artigos 371 e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010), coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da sociedade mercantil disolta en liquidación, mediante a constitución dunha nova entidade de economía social.

b) Procesos de adquisición de activos (bens e dereitos da masa activa) da titularidade dunha persoa ou entidade concursada, ou dunha ou varias unidades produtivas desta, durante a fase común ou a fase de liquidación dun procedemento concursal (Real decreto lexislativo 1/2020) coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da concursada con contrato laboral extinguido a través dunha entidade de nova constitución (sociedades laborais, cooperativas).

c) No caso de ausencia de remuda xeracional:

i. Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade civil ou de capital,mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.

ii. Procesos de adquisición do negocio dunha persoa autónoma por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial deste logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos estatutarios precisos para a súa transformación en sociedade laboral ou cooperativa.

d) Constitución ex novo de sociedades de carácter laboral ou nunha cooperativa integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación do seu empregador (entendéndose como tales as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).

Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nela.

e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes desde o momento de presentación da solicitude.

f) Acreditación da formalización da transformación segundo a documentación complementaria requirida no artigo 10.2.

Establécense catro categorías de conceptos subvencionables:

a) Categoría 1. Adquisición de activos.

b) Categoría 2. Asesoramento.

c) Categoría 3. Profesionalización e desenvolvemento estratéxico.

d) Categoría 4. Gastos correntes.

A subvención ascenderá a un máximo de 50.000,00 euros con carácter xeral por entidade transformada.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes de axuda comezará a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2021, salvo que se produza o suposto de esgotamento do crédito orzamentario.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210818/AnuncioG0599-050821-0004_gl.pdf