CONSELLERIA DO MEDIO RURAL CONVOCA AXUDAS PARA A EXECUCIÓN DE MEDIDAS DE PROMOCIÓN DO SECTOR VITIVINÍCOLA EN MERCADOS DE TERCEIROS PAÍSES PARA O ANO 2022

Consellería do Medio Rural

ORDE do 29 de novembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e se convocan para o ano 2022 (codigo de procedemento MR440D).

Persoas beneficiarias

Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con domicilio fiscal na Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Empresas vinícolas, considerando como tales aquelas empresas privadas en que máis do 50 % da súa facturación proveña dos produtos indicados no anexo IV de acordo co seu último exercicio fiscal pechado ou cuxa produción supere os 500 hl deses produtos, de acordo co seu último exercicio fiscal pechado.

b) Organizacións de produtores vitivinícolas e asociacións de organizacións de produtores vitivinícolas, definidas de acordo cos artigos 152 e 156 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

c) Organizacións interprofesionais definidas e recoñecidas no ámbito nacional de acordo cos artigos 157 e 158 do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e recoñecidas por España segundo o disposto na Lei 38/1994, do 30 de decembro, reguladora das organizacións interprofesionais agroalimentarias.

d) Organizacións profesionais: entenderase como organizacións profesionais aquelas que exerzan a súa actividade maioritariamente no sector do viño, e que estean recoñecidas no ámbito nacional de acordo coa normativa vixente, e que teñan entre os seus fins estatuarios a realización de actividades de promoción.

e) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas protexidas e denominacións de orixe protexidas vínicas, así como as súas asociacións.

f) As asociacións temporais ou permanentes de produtores que teñan entre os seus fins o desenvolvemento de iniciativas en materia de promoción e comercialización do viño. Entenderanse como tales as agrupacións de viticultores e/ou produtores, persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo os proxectos ou actividades para os que se agruparon. Actuarán de conformidade co artigo 11.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Cooperativas que comercializan viños elaborados por elas ou polos seus asociados.

h) As entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas exclusivamente por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

O prazo de presentación de solicitudes remata o día 14 de xaneiro de 2022.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211216/AnuncioG0426-011221-0004_gl.pdf