XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS PARA A INTERNACIONALIZACIÓN DIXITAL DAS EMPRESAS GALEGAS

Instituto Galego de Promoción Económica
RESOLUCIÓN do 23 de decembro de 2020 pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a internacionalización dixital das empresas galegas (Galicia Exporta Dixital 2021), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG401D).

Obxecto
As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto apoiar as empresas galegas nos seus procesos de internacionalización dixital conscientes de que o desenvolvemento das tecnoloxías dixitais supón un enorme potencial para a mellora da competitividade nos mercados internacionais, considerando que o desenvolvemento de plans empresariais de internacionalización dixital repercuten nas posibilidades de negocio, posibilitando a presenza en mercados, facilitando o acceso a clientes, reducindo os custos de transacción e publicidade, e permiten abrir canles comerciais novas, achegando así medios máis eficaces para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións. O obxecto último destas bases é o desenvolvemento e a implementación dun plan de internacionalización dixital de empresa, e as necesidades específicas en materia de márketing dixital internacional do comercio retallista.

Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d)Tamén poderán ser beneficiarias aquelas pemes dedicadas ao comercio retallista, que non precisan estar dadas de alta en programas do punto anterior.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de xuño de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210126/AnuncioO92-070121-0003_gl.pdf