AXENCIA GALEGA DA INDUSTRIA FORESTAL CONVOCA AXUDAS PARA INVESTIMENTOS EN ECOINNOVACIÓN E DIXITALIZACIÓN DA INDUSTRIA FORESTAL- MADEIRA E OUTRAS INDUSTRIAS QUE DESENVOLVAN SOLUCIÓNS ECOINNIVATIVAS BASEADAS NA MADEIRA (FONDOS EUROPEOS DE RECUPERACIÓN)

Axencia Galega da Industria Forestal

RESOLUCIÓN do 12 de agosto de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2022, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións para investimentos en ecoinnovación e dixitalización da industria forestal-madeira e outras industrias que desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas na madeira, financiadas ao 100 % no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á pandemia da COVID-19 (códigos de procedemento IN500C e IN500D).

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír a fomentar a modernización e a dixitalización do sector forestal-madeira e impulsar o ecodiseño e a economía circular.

Poderán ser beneficiarias destas axudas:

1.1. Para a liña 1-ecoinnovación (código de procedemento IN500C):

a) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos.

b) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) radicadas en Galicia que implementen ou desenvolvan solucións ecoinnovativas baseadas en madeira.

c) Organismos intermedios: organizacións públicas ou privadas, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que, de forma habitual, presten servizos de apoio á innovación e modernización ás pemes e que dispoñan de recursos materiais e humanos para impulsar e orientar os proxectos, e que desenvolvan a súa actividade principal en Galicia.

1.1.2. As empresas poderán presentarse de forma individual ou agrupadas.

1.1.3. Os proxectos de agrupacións (presentados por organismos intermedios ou por unha agrupación de empresas) deberán contar cun mínimo de 3 pemes.

1.1.4. No caso de solicitudes presentadas por organismos intermedios ou por unha agrupación de empresas, todas as persoas solicitantes quedan obrigadas solidariamente ao cumprimento dos deberes que deriven da concesión da subvención e ao cumprimento do establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

1.1.5. Ademais, no caso de proxectos de agrupacións, deberán facer constar os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas solicitantes, así como o importe da subvención que se aplicará por cada unha delas, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias. En calquera caso, deberá nomearse unha persoa representante ou apoderada única da agrupación, con poder suficiente para cumprir os deberes que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación, e co que a Administración efectuará as actuacións no marco do procedemento administrativo.

1.2. Para a liña 2-dixitalización (código de procedemento IN500D):

a) Pequenas e medianas empresas (incluídas as persoas autónomas) da industria forestal-madeira radicadas en Galicia que realicen aproveitamentos forestais ou que utilicen a madeira, a resina, a cortiza e os seus derivados ou outros produtos de orixe forestal, exceptuando os produtos alimentarios, como materia prima para a elaboración dos seus produtos. Para alcanzar a condición de beneficiarias, deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas do Sector Forestal (Resfor) e cos datos actualizados, de acordo co artigo 102 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, de conformidade co Decreto 50/2014, do 10 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos e micolóxicos en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, e o contido, organización e funcionamento do Rexistro de Empresas do Sector Forestal, ou dadas de alta nalgún código CNAE ou dispor de calquera outro medio válido en dereito que acredite a realización de actividades obxecto de subvención antes da presentación da solicitude.

b) Asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro, públicas ou privadas, que teñan base asociativa e sexan representativas ou estean relacionadas coa cadea de valor da industria forestal-madeira e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Actuacións obxecto de apoio e gasto mínimo subvencionable:

1. Ao abeiro destas bases reguladoras, as convocatorias anuais recollerán as seguintes liñas de apoio:

1.1. Liña 1-ecoinnovación (código de procedemento IN500C): dirixida a apoiar proxectos vinculados ao ámbito de traballo das empresas beneficiarias especificadas no artigo 2.1.1 que comprendan, polo menos, algunha das seguintes actuacións:

a) Ecodeseñar produtos ou materiais que utilicen a madeira como materia prima, para conseguir desenvolvementos técnicos ou prototipos que melloren a pegada ambiental ao longo do ciclo de vida, respecto a outras alternativas ou modelos anteriores.

As actuacións de ecodeseño previstas poderán referirse a unha ou varias das seguintes áreas: i. Deseño máis eficiente do produto, que permita reducir o uso de materiais. ii. Incorporación de materiais con menor impacto ambiental. iii. Aumento da vida útil do produto desde o punto de vista técnico. iv. Aplicación de novos tratamentos industriais da madeira libres de substancias contaminantes (utilización de vernices con baixo contido en COV, utilización de colas alternativas PVAc, etc.). v. Optimización do deseño para facilitar o desmonte ao final da vida útil do produto, facilitando a identificación e separación dos distintos materiais que o compoñen. vi. Procesos de certificación da integración da variable ambiental no deseño, exclusivamente para os produtos ecodeseñados no contexto desta convocatoria. Por exemplo: • Impacto ambiental na produción dos produtos feitos con madeira, de acordo coa norma ISO 14006 «Xestión ambiental-Directrices para a incorporación do ecodeseño».

• Etiquetaxe ecolóxica (ecoetiquetas), de acordo coa norma UNE-EN ISO 14020 «Etiquetas ecolóxicas e declaracións ambientais. Principios xerais». • Certificación da cadea de custodia (FSC-Forest Stewardship Council, PEFC-Certificación Forestal Paneuropea).

b) Implantar solucións de economía circular, encamiñadas a previr o malgasto e recuperar o máximo valor dos materiais nos procesos propios das persoas beneficiarias definidas no artigo 2. As actuacións previstas poderán referirse a unha ou varias das seguintes áreas: i. Creación de novos modelos de negocio orientados á servitización dos produtos feitos en madeira ou produtos derivados. ii. Optimización do consumo de recursos, a través da aplicación de mellores técnicas de produción ou a redución das etapas do proceso de fabricación dos produtos feitos en madeira. iii. Desenvolvemento e implementación de procesos de posvenda, orientados a ofrecer servizos de mantemento, reparación e recambios por un período de tempo prolongado. iv. Incorporación de procesos de recuperación e revalorización de produtos e subprodutos de madeira (produción de biomasa, compostaxe, novos produtos, etc.). v. Mellora da eficiencia nos procesos de distribución, a través da redución do volume e peso das embalaxes, uso de transportes máis eficientes ou o uso de envases e embalaxes reutilizables.

O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte á publicación desta resolución ata o 31 de outubro de 2022 ou ata o esgotamento dos fondos asignados no caso en que se produza con anterioridade a esa data