XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA IMPACTO AUTÓNOMO 2023

Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade

ORDE do 28 de decembro de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras do programa Impacto Autónomo e se procede á súa convocatoria para o ano 2023 (código de procedemento TR890A).

Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde todas as persoas traballadoras autónomas de alta no RETA ou no réxime de traballadores do mar como traballadores e traballadoras por conta propia, así como as persoas mutualistas, con domicilio fiscal en Galicia e que tivesen uns rendementos netos mínimos de actividades económicas realizadas de 10.000 € e un máximo de 30.000 €, no ano 2021. 

Así mesmo, poderán ser beneficiarias as persoas traballadoras autónomas de tempada que acrediten estar de alta ou situación asimilada no momento da presentación da solicitude, e que estivesen de alta un mínimo de 4 meses e un máximo de 9 meses no ano 2021 e no ano 2022.

Tamén poden ser beneficiarias as microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís, con domicilio fiscal en Galicia e cun mínimo de facturación no ano 2021 de 50.000 € e un máximo de 750.000 euros no mesmo ano 2021.

A contía das axudas establécese en función dos rendementos netos das persoas ou entidades solicitantes conforme a seguinte escala:

a) Para as persoas autónomas que tributen en réxime de estimación obxectiva (módulos), o importe da axuda será de 800 €

b) Para persoas autónomas que tributen en réxime de estimación directa ou atribución de rendas, e outros réximes:

– Con rendementos netos no ano 2021 de ata 20.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

– Con rendementos netos no ano 2021 de ata 30.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €. c) Para microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís:

– Cun mínimo de facturación no ano 2021 de entre 50.000 € e un máximo de 250.000 €, o importe da axuda será de 1.500 €.

– Cunha facturación superior a 250.000 € no ano 2021 e ata un máximo de 750.000 €, o importe da axuda será de 1.200 €.

Os importes previstos no punto 1 deste artigo reduciranse ao 50 % no caso de persoas autónomas, microempresas, sociedades, incluídas as de economía social, comunidades de bens ou sociedades civís que se desen de alta ao longo do ano 2021 e non acrediten 12 meses completos de actividade.

Igualmente, o importe reducirase ao 50 % no caso de persoas autónomas de tempada.

O prazo de presentación de solicitudes iníciase o 9 de xaneiro de 2023 e remata o 9 de febreiro de 2023.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230104/AnuncioG0656-231222-0003_gl.pdf