XUNTA DE GALICIA CONVOCA AXUDAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

CONSELLERÍA DE PROMOCIÓN DO EMPREGO E IGUALDADE

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas a fomentar o asociacionismo e a participación das mulleres, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento SI437A)

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2024, das axudas dirixidas ás asociacións de mulleres e ás federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas a través das seguintes liñas:

a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar os gastos correntes que orixinen o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e das súas federacións.

b) Liña 2: promoción de actuacións e actividades singularizadas en materia de igualdade, de prevención da violencia de xénero e de acompañamento das vítimas, con especial incidencia nas mulleres rurais, mulleres maiores e/ou mulleres en situación de vulnerabilidade, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Poderán ser entidades beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, sen ánimo de lucro, que cumpran os requisitos, as condicións e as obrigas previstos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular as seguintes:

a) Ter domicilio social en Galicia.

b) Estar legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.

c) Estar inscritas na Área de Igualdade do Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento.

d) Ter presentado a memoria de actividades (relativa a actuacións de promoción da igualdade e de prevención e tratamento da violencia contra as mulleres) antes de que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, relativa a como mínimo un dos últimos anos, desde o ano 2020 ao 2023, no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais (RUEPSS). Este requisito será verificado de oficio pola unidade de Igualdade instrutora do procedemento. Este requisito non será exixido para as entidades de recente creación (a partir do 31 de decembro de 2021).

e) Os fins e obxectivos das asociacións e das federacións solicitantes deberán contribuír a promover a igualdade entre homes e mulleres e a potenciar a participación e a presenza das mulleres na vida política, económica, cultural e social. Estes fins e obxectivos deberán estar recollidos nos estatutos da asociación ou federación ou desprenderse da súa actuación xeral.

f) As mulleres socias deben representar, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas, tanto no caso das asociacións como das federacións.

g) Non estar en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da entidade interesada.

A contía máxima da axuda que se pode conceder ao abeiro desta convocatoria é:

a) Na liña 1: 4.000 euros.

b) Na liña 2: 6.000 euros.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240410/AnuncioG0656-010424-0002_gl.pdf