XUNTA DE GALICIA CONVOCA O PROGRAMA "RESPIRO FAMILIAR" DIRIXIDO ÁS FAMILIAS CON PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA OU CON DISCAPACIDADE

CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL E XUVENTUDE

ORDE do 12 de abril de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas económicas ás familias con persoas en situación de dependencia ou con discapacidade a través do programa Respiro familiar para persoas coidadoras e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento BS614B).

Para facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das persoas coidadoras, defínense as actuacións subvencionables a través das seguintes modalidades do citado programa:

a) Modalidade de respiro no fogar, nas condicións detalladas no artigo 5.1, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa no propio fogar da persoa dependente ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social.

b) Modalidade de respiro en centro de día, nas condicións detalladas no artigo 5.2, para financiar os gastos da atención puntual, integral e directa en centros de día da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Modalidade de respiro en residencia, nas condicións detalladas no artigo 5.3, para financiar o gasto nas estadías temporais en centros residenciais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Serán subvencionables os gastos xerados no ano 2024 dos servizos constituídos polas actuacións sinaladas no artigo 5 que se desenvolvan no período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 22 de novembro de 2024, segundo o que nel se indica.

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa aquelas persoas coidadoras habituais non profesionais que atendan de forma continuada unha ou máis persoas dependentes ou con discapacidade ou en situación de necesidade de terceiros para as actividades da vida diaria, acreditada mediante informe médico e social. A persoa atendida dá lugar a unha única axuda, que pode ser compartida por dúas ou máis persoas coidadoras. Neste caso a axuda repartirase proporcionalmente ao gasto xustificado por cada unha das persoas coidadoras.

O prazo para a presentar as solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 21 de outubro de 2024.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240419/AnuncioG0657-150424-0001_gl.pdf