XUNTA DE GALICIA CONVOCA OS BONOS ACTIVA COMERCIO 2024

24. 04. 16

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA, INDUSTRIA E INNOVACIÓN

ORDE do 5 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia non competitiva, do Programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio, se convocan para o ano 2024 e se abre o prazo para a adhesión dos comercios (código de procedemento CO301B).

A entrega e a distribución dos fondos das axudas farase coa entidade colaboradora seleccionada ao abeiro da Orde do 16 de febreiro de 2024 pola que se convoca o procedemento de concorrencia para a selección dunha entidade colaboradora para a entrega e distribución dos fondos das axudas do programa de dinamización e incentivación do consumo nos comercios retallistas da Comunidade Autónoma de Galicia a través dos bonos Activa comercio (código de procedemento CO301A).

Actividade subvencionable

Por medio desta orde subvencionarase a compra de bens, a través dos bonos Activa comercio, nos establecementos comerciais retallistas de Galicia adheridos ao programa. 

As vendas subvencionadas serán as que se realicen nas datas fixadas no artigo 17 destas bases reguladoras.

Cada bono terá a consideración de bono desconto por un valor de ata 30 € para as compras realizadas nos comercios adheridos.

Poderase usar cada bono ata o seu esgotamento ou, de ser o caso, ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

O importe do bono irase reducindo en función do valor da compra realizada, de acordo cos seguintes criterios

– Desconto de 5 € en compras iguais ou superiores a 20 € e inferiores a 30 €.

– Desconto de 10 € en compras iguais ou superiores a 30 € e inferiores a 50 €.

– Desconto de 15 € en compras iguais ou superiores a 50 €. Todas estas contías enténdense co IVE incluído.

Poderán ser persoas beneficiarias das axudas as persoas físicas maiores de idade e residentes na Comunidade Autónoma de Galicia que realicen as actuacións establecidas no artigo 5 destas bases reguladoras. Para ser beneficiarias terán que tramitar as súas solicitudes conforme o establecido nesta orde. As axudas entenderanse concedidas co troco dos bonos polas persoas usuarias.

O prazo para adherirse ao programa será desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o esgotamento do crédito dispoñible ou, en todo caso, ata o 1 de setembro de 2024, sen prexuízo da súa posible ampliación, nos termos establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

Poderán adherirse ao programa bonos Activa comercio os establecementos comerciais retallistas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia (establecemento comercial en Galicia) e reúnan as condicións legalmente establecidas para o exercicio da súa actividade. 

b) Que sexan persoas empresarias autónomas ou pequenas e medianas empresas, de conformidade co previsto no Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

c) Que estean dados de alta nalgún dos grupos ou epígrafes do IAE recollidos no anexo I desta orde.

A descarga dos bonos polas persoas usuarias realizarase na web www.bonosactivacomercio.gal. Os bonos terán formato dixital a través dun código QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha APP que permita realizar pagamentos (Wallet ou similar).

Os bonos estarán dispoñibles na web https://www.bonosactivacomercio.gal/ para a súa descarga polas persoas usuarias desde o 26 de abril ata o 15 de setembro de 2024, agás no caso de que o importe total dos descontos efectivamente realizados en compravendas alcance os 2.500.000,00 €.

chrome-extension://efaidnbmnnnibpcajpcglclefindmkaj/https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240415/AnuncioG0692-110324-0011_gl.pdf