RENDA DE INCLUSIÓN SOCIAL DE GALICIA: RISGA

24. 07. 12

A renda de inclusión social de Galicia é unha prestación pública destinada a garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como a acadar progresivamente a súa autonomía e integración social e laboral, mediante o dereito e o deber de participar en procesos personalizados de inserción con apoio técnico e financeiro do Sistema galego de servizos sociais e do Sistema público de emprego de Galicia.

A renda de inclusión social de Galicia, en canto prestación económica, terá carácter alimenticio, persoal e non transmisible, e non poderá ser obxecto de embargo ou retención nin darse en garantía de obrigas.

Os proxectos de integración social estarán orientados ao logro da mellora persoal e social da persoa perceptora da RISGA e das que integran a unidade de convivencia, así como á súa autonomía, participación e integración normalizada no seu ámbito social, e articularanse por medio de accións concretas que incidan na mellora das condicións básicas de vida, coidado persoal, hixiene do fogar e da vivenda, coidado e atención a posibles convivintes con calquera tipo de discapacidade e seguimento de aspectos básicos de saúde.

REQUISITOS:

Poderán ser beneficiarias da renda de inclusión social de Galicia as persoas que, tecnicamente valoradas, se atopen en situación ou risco de exclusión social, das que se verifique a ausencia ou déficit grave de recursos económicos e a situación de desemprego, así como a concorrencia dalgún dos factores de exclusión seguintes, cando esa condición supoña especial dificultade de integración social ou laboral:

  • Estar nunha situación de cargas familiares non compartidas
  • Estar en proceso de rehabilitación social, como resultado dun programa de deshabituación de sustancias aditivas ou de calquera outra adición que produza efectos persoais e sociais de natureza semellante
  • Ter a condición de muller vítima de violencia de xénero
  • Ser unha persoa vítima de violencia doméstica
  • Ter unha discapacidade valorada superior ao 33 %
  • Ser inmigrante ou emigrante retornado
  • Proceder de institucións de protección ou reeducación de menores
  • Proceder de cumprimento de pena nunha institución penitenciaria
  • Ser unha persoa sen fogar ou habitar nunha infravivenda
  • Pertencer a unha minoría étnica
  • Estar en proceso de abandono do exercicio da prostitución ou ser vítima de explotación sexual-laboral en redes de prostitución ou de trata de persoas
  • Ter a condición de persoa transexual ou estar en proceso de reasignación sexual
  • Calquera outro factor non previsto expresamente que, ponderado polos servizos sociais comunitarios no contexto persoal, familiar e social da persoa, condicione negativa e gravemente a súa inclusión social e laboral.

Sen prexuízo do disposto nos puntos anteriores, poderanse valorar como persoas en situación de risco de exclusión social e, en consecuencia, incorporarse ás prestacións económicas reguladas nesta lei e ao resto de medidas positivas de apoio aquelas persoas nas que concorran factores de exclusión sinalados que obteñan ingresos derivados da súa actividade laboral que sexan inferiores ao importe da suma do ingreso mínimo máis os complementos familiares que lles correspondería percibir en concepto de tramo persoal e familiar da renda de inclusión social de Galicia, sempre e cando reúnan o resto dos requisitos establecidos nesta lei para o acceso ás prestacións económicas reguladas nela.

Ademais deben reunir os seguintes requisitos:

  • Ter residencia efectiva e constatada polos servizos sociais comunitarios responsables de desenvolver as accións que se deseñen no correspondente proxecto de integración social e estar empadroado ou empadroada en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega, polo menos durante os seis meses anteriores á presentación da solicitude de valoración. Computaranse para estes efectos os períodos de empadroamento sucesivo en distintos concellos galegos.
  • Ter residencia legal.
  • Ter máis de 25 anos.
  • Dispor na unidade de convivencia de ingresos inferiores ao importe do tramo persoal e familiar que lle correspondería e, ademais, non dispor de bens patrimoniais dos cales se deduza a existencia de medios suficientes para a subsistencia.
  • Que non existan persoas legalmente obrigadas e con posibilidade real de lles prestar alimentos de acordo coa lexislación civil.

ONDE SOLCITAR A RISGA?

1.- A través dos Servizos sociais comunitarios básicos do concello de residencia. No caso da Estrada podes pedir cita para ser atendido/a polo traballador social que che corresponda, chamando aos teléfonos: 986 677 691 ou 986 677 696. Tamén podes solicitar a cita de maneira presencial.

2.-Podes facelo ti mesmo/a presentando a solicitude perante a Xefatura territorial da Consellería de Política Social da provincia de residencia

ACCESO DIRECTO Á SOLICITUDE: https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS626F

Podes presentala telemáticamente ou en papel a través do rexistro. 

DOCUMENTACIÓN QUE PRECISAS APORTAR:

https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=BS626F

 

NOTA IMPORTANTE: Podes realizar a SOLICITUDE DA RISGA E O IMV á vez, se ben no caso de que che concedan ambas tes que renunciar obrigatoriamente a unha delas.