INSITITUTO GALEGO DE VIVENDA E SOLO CONVOCA AXUDAS PARA A REHABILITACIÓN, O FOMENTO DA CONSERVACIÓN E DA MELLORA DA SEGURIDADE E DA ACCESIBILIDADE NAS VIVENDAS

21. 04. 05

Instituto Galego da Vivenda e Solo
RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2021 pola que se convocan distintas liñas de subvencións para actuacións de rehabilitación para o ano 2021 (códigos de procedemento VI422E, VI408H, VI408N, VI422F e VI406A).

Actuacións subvencionables
1. Consideraranse actuacións subvencionables para o fomento da conservación as seguintes actuacións:
a) As relativas ao estado de conservación da cimentación, da estrutura e das instalacións.
b) As relativas ao estado de conservación de cubertas, azoteas, fachadas e medianeiras, incluídos procesos de desamiantado.
c) As relativas á adecuación interior da vivenda unifamiliar, agrupada en fila ou en edificio de tipoloxía residencial colectiva, ás condicións mínimas de funcionalidade, habitabilidade, seguridade e hixiene legalmente exixidas.

2. Consideraranse subvencionables, para a mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade, as seguintes actuacións:
a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas ou outros dispositivos de accesibilidade, incluídos os adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente.
b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, que permitan o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.
c) A instalación de elementos de información ou de aviso, tales como sinais luminosos ou sonoros, que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas.
d) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como vídeo porteiros e análogos.
e) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.
f) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas unifamiliares ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva, así como nas súas vías de evacuación. Inclúense obras dirixidas á ampliación de espazos de circulación dentro da vivenda que cumpran coas condicións do CTE no referido á vivenda accesible, así como para mellorar as condicións de accesibilidade en baños e cociñas.
g) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do CTE, de seguridade de utilización e accesibilidade (DB-SUA).

O prazo de execución das actuacións en ningún caso poderá exceder o 30 de novembro de 2021.

As actuacións obxecto de financiamento non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2021, nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG. Non obstante o anterior, aquelas persoas ou entidades que solicitasen estas axudas ao abeiro do ordinal décimo terceiro da Resolución do 6 de febreiro de 2020 en que se realizou a convocatoria das subvencións dos programas de fomento de mellora da eficacia enerxética e sustentabilidade en vivendas e de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas do Plan 2018-2021, con carácter plurianual (código de procedemento VI422E), e lles fosen denegadas por esgotamento do orzamento, poderán ter iniciado actuacións con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, así como telas finalizadas antes da publicación da convocatoria.

Os datos fiscais que se avaliarán nesta convocatoria para a concesión das axudas serán os do exercicio económico 2019. Para a valoración das solicitudes utilizarase o valor do IPREM dese mesmo ano.

Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa para esta convocatoria:
a) As persoas físicas, xa sexan propietarias de vivendas unifamiliares, de edificios de tipoloxía residencial colectiva e das vivendas situadas nestes edificios.
b) As comunidades de persoas propietarias, así como as agrupacións de comunidades de persoas propietarias, constituídas conforme o disposto no artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
c) As agrupacións de persoas propietarias, ás cales lles será de aplicación o previsto no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xullo.
d) As persoas físicas inquilinas dunha vivenda que asuman, en virtude dun acordo coa persoa arrendadora, o custo das actuacións de rehabilitación que correspondan, a cambio do pagamento da renda.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG (22 DE ABRIL).

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20210322/AnuncioC3Q2-100321-0001_gl.pdf