EN QUÉ CONSISTE A COTIZACIÓN EXTRA POR FILLOS RECOÑECIDA POLO SUPREMO PARA MULLERES SOLICITANTES DO SUBSIDIO PARA MAIORES DE 52 ANOS?

22. 10. 19

As mulleres que soliciten o subsidio de desemprego para maiores de 52 anos dispoñerán dunha cotización adicional de 112 días por fillo, no caso de que non estivesen a traballar no momento do alumeamento.

Trátase dunha sentenza do Tribunal Supremo, ditada para "aliñarse coa Constitución e a perspectiva de xénero" e que fixou doutrina nesta cuestión.

Ata a data, estas coñecidas como cotizacións ficticias tíñanse en conta nas pensións contributivas de xubilación e de incapacidade permanente, pero non nas de desemprego. 

O Tribunal Supremo recoñeceu unha cotización adicional de 112 días por cada fillo tido en paro ás mulleres que soliciten o subsidio por desemprego para maiores de 52 anos. Con esta decisión, o Supremo pretende interpretar a lei "de maneira flexible, para aliñarse coa Constitución e a perspectiva de xénero", segundo informou o propio tribunal.

En que consiste este subsidio para maiores? Trátase dun subsidio que cobran persoas que están en paro, teñen máis de 52 anos, esgotaron as prestacións contributivas, cumpren todos os requisitos para acceder á pensión de xubilación salvo a idade (entre os que se atopan 15 anos de cotización) e cuxas rendas non superan o 75% do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Ademais, tiveron que cotizar por desemprego un mínimo de 6 anos ao longo da vida laboral, segundo o SEPE.